O aparcadoiro do Parrote: un negocio para Copasa, unha ruína para o Concello

O aparcadoiro do Parrote: un negocio para Copasa, unha ruína para o Concello

A Coruña, 16 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o aparcadoiro de Copasa no Parrote supón un gran negocio para empresa e unha ruína para o Concello, á vista do prezo que terán que pagar os e as usuarias interesadas por cada unha das 120 prazas que sacará á venda. De vender as 120 prazas, Copasa ingresaría 5,2 millóns de euros.

Os nacionalistas sinalan que o custo total da praza serían 36.000 euros máis IVE (21 por cento), é dicir, un total de 43.560 euros, e a propiedade corresponderíase coa duración da concesión: 32-33 anos, até o 20.05.2047.

Para faceren a reserva da praza, os e as interesadas terán que aboar 6.000 euros máis IVE; é dicir, 7.260 euros. Para completar o pagamento, terán que aboar 12.000 euros máis IVE; é dicir, 14.520 euros o 30 de xuño de 2013 e 18.000 euros máis IVE; é dicir, 21.780 euros cando se lles entregue a praza, previsibelmente no primeiro semestre de 2014. Ademais, os e as usuarias terán que pagar os gastos da comunidade de cada mes, cuxo prezo chegará, previsibelmente, os 15 euros.

Unha ruína para o Concello

Fronte aos beneficios que sacará Copasa do aparcadoiro do Parrote, o Grupo Municipal critica a ruína que lle supón este negocio ao Concello. De aí que cualifiquen de fraude para a cidadanía da Coruña o convenio asinado entre a Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña, xa que esta obra non xustifica o desembolso de máis de 14 millóns de euros por parte do Concello da Coruña, nuns terreos que non son municipais e para unha obra que carece de interese xeral.

Os nacionalistas consideran un disparate que o Concello vaia gastar 14 millóns de euros nunha obra que non resolverá os problemas de mobilidade da cidade e cuxa única finalidade é pagarlle parte da estrutura do aparcadoiro a unha concesionaria privada, Copasa, sen importarlle para nada ao Goberno Local pedir un empréstito para tales efectos.

O Goberno municipal debería explicarlle á cidadanía coruñesa de onde van saír os 11 millóns de euros que faltan, e se van correr por conta de máis impostos aos coruñeses e coruñesas.

O Grupo Municipal do BNG segue a preguntarse de onde van saír os cartos públicos para O Parrote, dado que a Xunta de Galiza unicamente dotou 20.000 euros nos orzamentos deste ano e o Goberno central nin un só euro nos orzamentos para o 2013.

O BNG lembra ao respecto que nos Orzamentos do Concello para este ano 2012 figura a achega municipal de 3 millóns de euros para o túnel do Parrote (e, de paso para financiar a estrutura común do aparcadoiro de Copasa), financiados mediante un empréstito, pero nin o Estado nin a Xunta (unicamente os 20.000 € deste ano) teñen comprometido fondos para esta obra (*), razón pola cal o Goberno municipal debería explicarlle á cidadanía coruñesa de onde van saír os 11 millóns de euros que faltan, e se van correr por conta de máis impostos aos coruñeses e coruñesas, se van correr por conta das persoas dependentes ou se van correr por conta das persoas desempregadas.

 

 

 

(*) De feito, a partida Orzamentaria dos 3.000.000 € figura en concepto de “Aportación ao Convenio coa Autoridade Portuaria de A Coruña e coa Xunta de Galicia para a construcción de viais soterrados na Mariña e o Parrote” pero ata o momento a Xunta non asinou ningún Convenio co Concello, ao igual que tampouco o fixo a Administración Central do Estado.

O aparcadoiro do Parrote: un negocio para Copasa, unha ruína para o Concello