Preguntaremos no próximo Pleno por que o Depor feminino non xogará na Coruña

Momentos previos ao comezo do Teresa Herrara onde se produciu a estrea en Riazor do Depor Feminino
Preguntaremos no próximo Pleno por que o Depor feminino non xogará na Coruña

Momentos previos ao comezo do Teresa Herrara onde se produciu a estrea en Riazor do Depor Feminino

Vimos de rexistrar esta maña unha batería de preguntas (preme aquí para velas) a respecto da marcha do Depor feminino ao concello de Arteixo xa que logo, e tal e como indicaron os propios dirixentes da entidade deportivista, “tomouse esta decisión ante a imposibilidade de atopar unhas condicións óptimas na capital herculina”.

Nesta iniciativa lembramos que, con data 1 de xullo de 2016, presentamos un Rogo Oral, que foi exposto no Pleno ordinario do día 4 do mesmo mes, no que se parabenizabamos a iniciativa do R.C. Deportivo, como club, ao estarse implicando fondamente coa construción do seu novo equipo feminino. Neste sentido, sinalabamos que sería fundamental que A Coruña coñeza e sinta como propio este proxecto de fútbol feminino e para iso era preciso que os partidos se xogaran nun emprazamento da cidade e tamén congratulabamonos de que se deran pasos para visualizar o deporte feminino, desexándolle os maiores dos éxitos. Por último, no mesmo rogo instabamos ao Concello para que facilitara ao Deportivo feminino instalacións municipais para contribuír a que o deporte feminino de competición gañara espazos, visualización e promoción.

Preguntaremos no próximo Pleno sobre a falta de acordo entre o Goberno municipal e o R.C. Deportivo para o uso das instalacións municipais para o Depor feminino

Celebración do depor feminino despois de gañar o Teresa Herrera

Porén, onte mesmo, durante a recepción ofrecida no Concello co gallo da celebración da LXXI edición do Trofeo Teresa Herrera, deuse conta por parte de mandatarios da entidade deportivista, que a categoría feminina do R.C. Deportivo, por problemas de dispoñibilidade de campos de adestramento na cidade, trasladaba a súa actividade, e a disputa da competición da liga ao concello de Arteixo, alternando adestramentos entre as instalacións do club en Abegondo e o campo de fútbol de Ponte dos Brozos, onde celebrará a competición oficial. E segundo estes mesmos dirixentes indicábase que “despois dunha longa negociación, o club coruñés decidiu marcharse da Coruña xa que entre o Concello e a Asociación de Fútbol Aficionado da Coruña (AFAC) só lle cedían o campo de Agrela para disputar os seus partidos, pero non para adestrarse durante a semana”, sinalando o máximo responsábel da entidade deportiva, Tino Fernández, que “a nosa idea era que o equipo xogase e adestrase na cidade, tamén polo apoio do público, pero non puido ser”.

Nós pensamos que calquera das facilidades ou do apoio que se lle puidera dar ao Deportivo feminino nunca poderían ir en detrimento doutras entidades e doutras actividades que na actualidade estiveran comprometidas, e sempre coa participación e interlocución de todas as partes implicadas.

Mais tamén entendemos que a decisión que toma o R.C. Deportivo non é beneficiosa no camiño de dar un impulso decido para a práctica do deporte feminino na nosa cidade. Xustamente nun momento onde outros deportes como o rugby (co CRAT, Campión da Liga División de Honor Feminina en 2015, e subcampión en 2011, 2012 e 2014), o hockey (co Liceo, que participará este ano por segunda vez na súa historia na OK Liga tras o ascenso da pasada campaña), o voleibol (co Fisiomás Zalaeta, que participará por quinta temporada consecutiva no grupo A da Superliga Feminina 2), ou mesmo o fútbol gaélico (co Fillas de Breogán que conquistaron o Campionato Ibérico no pasado mes de xuño), están a contribuír a promoción e proxección do deporte feminino, e mesmo conseguindo triunfos e cotas hai moi pouco tempo impensábeis.

Entre as preguntas traladamos ao Executivo local en que consistía a solicitude do R.C. Deportivo, a oferta, se existiu, do Goberno municipal, e por que, finalmente non se chegou a un acordo

Formación do Karbo Deportivo a principiops do ano 80, precursor do actual RC Deportivo feminino

Deste xeito, preguntámoslle ao Goberno municipal en que consistiu a solicitude do R.C. Deportivo para o uso de instalacións municipais deportivas para os adestramentos dos seus equipos femininos, cal foi, se houbo, a oferta do Goberno municipal, se o propio Goberno municipal esgotou todas as posibilidades existentes para lle poder ceder campos de adestramento na cidade ao Deportivo feminino, entre elas, a posibilidade de subscribir un convenio de colaboración co R.C. Deportivo, e por que non se chegou, finalmente, a un acordo.

Por último, tamén queremos saber cantas e cales instalacións deportivas existen na actualidade na cidade da Coruña en condicións de seren empregadas polas distintas entidades deportivas de fútbol e se xa están asignados os horarios de usos para os adestramentos para a temporada 2016-2017 de todas esas instalacións.

A Coruña, 10 de agosto de 2016

Artigos relacionados

Preguntaremos no próximo Pleno por que o Depor feminino non xogará na Coruña