O BNG VOTA A FAVOR DE INCREMENTAR O IAE Á PETROLEIRA

"É de xustiza que Repsol compense a esta cidade cun maior esforzo fiscal"

FJ2
Jorquera e Veira, durante o pleno.
O grupo municipal do BNG votou esta mañá a prol da aprobación definitiva da ordenanza fiscal número 54, reguladora do Imposto de Actividades Económicas, no que atinxe a Refinaría de Repsol.
"É de xustiza que Repsol compense a esta cidade cun maior esforzo fiscal"

A ordenanza –que obtivo os votos favorábeis de BNG, PSdeG e a Marea e perante a cal PP optou pola abstención- equipara o tratamento fiscal da refinaría ao que recibe xa no concello de Arteixo e vai supor un incremento de 265 mil euros nos ingresos do Concello.

Na súa intervención, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, contextualizou o apoio da formación nacionalista a esta ordenanza no marco do acordo orzamentario alcanzado polo Bloque, o PSdeG e a Marea Atlántica. “Se participamos dese acordo [que inclúe grande parte das propostas que o BNG achegou no proceso de negociación] sería incongruente que votásemos en contra das ordenanzas fiscais”, argumentou Jorquera.

A mudanza da ordenanza equipara o tratamento fiscal da Refinaría de Repsol ao que recibe xa no concello de Arteixo

O voceiro nacionalista arguiu que para tornar posíbel “o maior compromiso co investimento e o gasto social” que presenta o proxecto de orzamentos do Concello é preciso “operar tamén sobre os ingresos”.

Dito doutro xeito: se se aceptasen as alegacións de Repsol o Concello vería minguada a súa recadación fiscal en 265 mil euros.

“Pero é que ademais”, remarcou Jorquera, “discrepamos dos argumentos expostos por Repsol” e nese sentido enfatizou o portavoz nacionalista que o que fai a ordenanza é equiparar o tratamento fiscal da refinaría ao que xa recibe no concello de Arteixo, “concello, por certo, no que goberna o Partido Popular, do que non creo que se poda dicir que practica unha política fiscal confiscatoria”, ironizou.

Se se aceptasen as alegacións de Repsol o Concello vería minguada a súa recadación fiscal en 265 mil euros

Repsol alega que o incremento de presión fiscal deixa a refinaría nunha situación da desigualdade, mais para Jorquera a desigualdade quen a xera é a propia petroleira, “na medida en que esta actividade é incompatíbel ou limita o desenvolvemento doutras actividades económicas na contorna e iso ten que ter o seu reflexo na clasificación da categoría fiscal do lugar no que está instalada a refinaría”.

Hai, alén de cuestións técnicas ou xurídicas, un argumento de carácter “político”, estendeuse Jorquera, que xustifica o incremento de fiscalidade sobre a refinaría no seu evidente impacto ambiental e en termos de seguranza sobre a cidade: “Cheiro, contaminación atmosférica... Desastres ambientais como o do Urquiola e o Mar Exeo por mor de ter un porto petroleiro no corazón da cidade... Desastres aos que estivo a piques de se sumar tamén o do Blue Star”, relatou o portavoz nacionalista, quen aínda salientou “o perigo que representa o oleoduto que percorre boa parte da periferia” da Coruña.

“Por iso pensamos que é de xustiza que Repsol compense a esta cidade cun maior esforzo fiscal”, concluíu.

"É de xustiza que Repsol compense a esta cidade cun maior esforzo fiscal"