A Xunta retira toda referencia á minicentral na documentación do trasfego Meirama-Cecebre

A Xunta retira toda referencia á minicentral na documentación do trasfego Meirama-Cecebre

ana pontonSantiago de Compostela, 24 de outubro de 2013.- En resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do BNG Ana Pontón na comisión segunda do Parlamento, o director de Augas de Galiza revelou que a Xunta retirou toda referencia á minicentral de Cecebre na documentación que se atopa en exposición pública para a tramitación do túnel que trasfegará a auga do lago artificial de Meirama a Cecebre. Porén, malia desapareceren as referencias á minicentral, a hidroeléctrica será unha realidade. O propio responsábel de Augas de Galiza así o admitiu ao sinalar que a empresa na que ten intereses a concelleira de Cultura (PP) do Concello da Coruña ten todos os requirimentos precisos para a súa posta en funcionamento.

A deputada nacionalista denuncia o escándalo que supón a desparición de toda mención á minicentral na documentación oficial da Xunta de Galiza. Para Ana Pontón trátase dunha manobra do PP para acalar as voces críticas, como a do BNG, que se opuxo á construción da minicentral desde o momento en que se coñeceu o convenio para o trasfego de auga de Meirama a Cecebre a través dun túnel.

“O túnel para o trasfego de auga só se acometerá para facer rendíbel a minicentral”

A deputada do BNG considera fraudulenta e unha irresponsabilidade a construción dun túnel de Meirama a Cecebre cuxo único fin é que os dereitos da empresa concesionaria da minicentral poidan materializarse. Así, insistiu en que o trasfego de auga, para o que os orzamentos da Xunta de 2014 consignan un primeiro desembolso de 1,4 millóns, só se acometará para facer rendíbel a minicentral vinculada á familia da concelleira de Cultura.

Ana Pontón advertiu na Comisión de que o Plan Hidrolóxico Galiza Costa (2009-2015) non contempla o trasfego de auga, ao entenderse que non é necesario. De feito, o encoro de Cecebre, segundo a documentación da Xunta de Galiza, nunca chegou a niveis de emerxencia. A nacionalista criticou ao respecto que a Xunta priorice esta obra que non formaba parte da planificación do Plan Hidrolóxico cando existen zonas do país, como a comarca do Salnés, con graves problemas de abastecemento de auga potábel.

Altos niveis de niquel na auga e morte do río Mero

A deputada do BNG tamén fixo alusión á calidade da auga, que terá que ser tratada para o seu consumo dados os altos niveis de níquel que contén a auga do lago de Meirama. A potabilización, advertiu, pode incrementar aínda máis o recibo da auga.

Tamén citou Ana Pontón os prexuízos que terá a obra no ecosistema, xa que se trata dunha zona LIC (Lugar de Importancia Comunitaria). Así, denunciou que a posta en funcionamento da minicentral suporá a morte do río Mero, segundo xa teñen alertado asociacións ecoloxistas.

A Xunta retira toda referencia á minicentral na documentación do trasfego Meirama-Cecebre