SANIDADE PÚBLICA

A Xunta deixa sen pediatras aos barrios da Coruña

Exterior do Centro de Saúde de Novo Mesoiro
Exterior do Centro de Saúde de Novo Mesoiro

Exiximos que o Sergas cubra de profesionais da pediatría de xeito urxente aos centros de saúde da cidade

Xa avanzamos que presentaremos diversas iniciativas no Parlamento de Galiza para que se garanta os servizos durante os meses de verán ao non se estar a cubrir os períodos de lecer das persoas titulares destes servizos

A Xunta de Galiza non se pode escusar na falta de profesionais no país para garantir o servizo. Non se debe permitir que nos nosos barrios as nenas e os nenos queden sen atender porque non exista unha previsión de servizos e non se cubran as vacacións ou as baixas; veciñanza de Novo Mesoiro, os Mallos e Labañou xa están a sufrir estes días esta falla de persoal que se prolongará ate setembro

A Xunta deixa sen pediatras aos barrios da Coruña

Vimos de comunicar a presentación de varias iniciativas no Parlamento de Galiza a respecto dos servizos de pediatría que se ofrecen nos centros de saúde da cidade xa que logo, e segundo denuncias públicas da veciñanza de distintos barrios, coa chegada dos meses de verán, estes servizos vense minguados, ou directamente deixan de se ofrecer.

Deste xeito, temos detectado que canto menos nos centros de Novo Mesoiro, os Mallos, Labañou ou os Rosais, durante os meses de xullo, agosto e setembro haberá grandes recortes no servizo ao non se garantir as substitucións necesarias para os profesionais que gozaran dos seus períodos de lecer, ou mesmo polas baixas laborais que se puideran producir nestes meses.

Así, segundo puidemos comprobar, no centro de Novo Mesoiro, no servizo de pediatría, que xa só atende de mañá durante todo o ano, só se farán revisións durante o verán a nenas e nenos menores de 18 meses, e durante o mes de agosto só haberá un servizo completo de pediatría cando desde o mes de abril se viña ofrecendo un servizo mais outro medio servizo.

A respecto do centro de saúde dos Mallos o servizo de tarde foi pasado á mañá para cubrir estes períodos de vacacións, e hoxe mesmo, a veciñanza de Labañou denunciou a situación do centro no que o servizo está temporalmente pechado e sen que a Xerencia provea de persoal de substitución remitindo ás e aos pacientes ao centro dos Rosais, centro que, por certo, durante o mes de agosto tamén terá que cubrir as vacacións dos seus profesionais e que, con toda probabilidade quedará na mesma situación que os demais centros da cidade.

Consideramos está situación como inadmisíbel e exixiremos ao Sergas mediante esta batería de iniciativas a cobertura urxente de profesionais da pediatría aos centros de saúde da cidade para garantir o servizo con total normalidade e coa menor distorsión para coa veciñanza.

A Xunta de Galiza non se pode escusar na falta de profesionais no país para garantir o servizo. Non se debe permitir que nos nosos barrios as nenas e os nenos queden sen atender porque non exista unha previsión de servizos e non se cubran as vacacións ou as baixas; veciñanza de Novo Mesoiro, os Mallos e Labañou xa están a sufrir estes días esta falla de persoal que se prolongará ate setembro.

 

A Coruña, 3 de xullo de 2018.