ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2017

Xa hai un posíbel acordo para os orzamentos 2017?

Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación
Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación

Malia que o venres 28 de abril saiuse cunha data a curto prazo para, por fin, seren aprobados definitivamente os orzamentos para 2017, lembramos a nosa advertencia ao Goberno municipal: avalaremos orzamentos só no caso de que exista un calendario para a aprobación dun modificativo para integrar as nosas achegas pactadas co Executivo local no proceso de negociación

Advertimos, por segundo ano consecutivo, da necesidade de comezar a elaboración dos orzamentos e os procesos de negociación coa antelación suficiente e coa altura de miras necesaria para non recaer no espectáculo bochornoso destes dous anos de cara aos orzamentos municipais de 2018

Xa hai un posíbel acordo para os orzamentos 2017?

Despois da celebración da Comisión de Facenda, na que, a priori, se chegou aos acordos necesarios para a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de 2017, entendemos que, xa de vez, se nos deben comunicar os prazos para a inclusión normalizada das achegas que realizamos aos orzamentos deste ano.

E é que, superado xa o espectáculo lamentábel ofrecido durante os últimos meses, incluída a Cuestión de Confianza formulada no mes de febreiro en Pleno, existen toda unha serie de actuacións e intervencións achegadas por nós durante o proceso de negociación e formalizadas por medio dunha emenda, que foron xa asumidas como propias destes orzamentos e que tanto o alcalde, nese Pleno, que se comprometía incluír impulsando un modificativo de crédito, como o PSOE, cando entre o grupo socialista e o grupo da Marea Atlántica se estableceron as negociacións para unha posíbel incorporación dos primeiros ao Goberno municipal, como así fixo público o portavoz socialista José Manuel García, teñen aceptado no marco do documento.

Xa o dixemos a semana pasada; queremos agora que o acordo de inclusión das nosas achegas estea calendarizado. Malia que hoxe saiamos cunha data a curto prazo para, por fin, seren aprobados definitivamente os orzamentos para 2017, lembramos a nosa advertencia ao Goberno municipal: avalaremos orzamentos só no caso de que exista un calendario para a aprobación dun modificativo para integrar as nosas achegas pactadas co Executivo local no proceso de negociación.

Do mesmo xeito, e en previsión de acontecementos, volvemos advertir por segundo ano consecutivo, da necesidade de comezar a elaboración dos orzamentos e os procesos de negociación coa antelación suficiente e coa altura de miras necesaria para non recaer no espectáculo bochornoso destes dous anos de cara aos orzamentos municipais de 2018.

O ano pasado, xusto despois de se celebrar o pleno da aprobación definitiva dos orzamentos 2016, sinalabamos que aqueles debían ser os últimos que se realizan daquel xeito, tanto por quen os elaborara e facía a proposta, o Goberno municipal, así como pola falta de responsabilidade e compromiso amosada polo PP e PSOE, mais preocupados de si mesmos e de mirarse o embigo, e que supuxera case sete meses de tempo perdido, e esixíamos ao Executivo local que comezara a elaborar un plano de traballo para os orzamentos de 2017. Tal no se fixo e, doutra volta, perdéronse outros 7 meses. No que respecta a nós, volveremos a realizar o mesmo traballo exhaustivo e rigoroso destes últimos anos e volveremos a recoller  as necesidades que ten cada barrio da cidade e os investimentos necesarios por áreas, comezando a traballar xa, e elaborando as propostas e achegas necesarias. Isto mesmo recomendamos que comece a facer o Goberno municipal, que é quen ten que facer a proposta e chegar aos entendementos necesarios coas demais forzas para sacar a tempo os orzamentos municipais de 2018.

A Coruña, 28 de abril de 2017

 

Artigos relacionados: