PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA

Villoslada recoñece implicitamente que si se vai investigar o caso do Conde de Fenosa

AVia3
Avia Veira realiza a pergunta
A concelleira do BNG Avia Veira dirixiu esta tarde unha pregunta oral ao concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, para saber se o Goberno Local vai abrir unha investigación que depure as responsabilidades ás que houber lugar polo caso do antigo edifico Conde de Fenosa.
Villoslada recoñece implicitamente que si se vai investigar o caso do Conde de Fenosa

O Goberno Local está obrigado a abrir esa pesquisa tal e como figura no acordo de mediación que se alcanzou para a execución da sentenza –en virtude do cal o edificio non foi derrubado, co conseguinte aforro para a facenda local, mais si foron indemnizados o denunciante e as persoas que moran no edificio- e tal e como tamén o contempla o Protocolo de Boas Prácticas que vincula a administración local e que a obriga a depurar responsabilidades sempre que, como é este caso, se teña que indemnizar danos a particulares.

“Está comprometido este goberno a cumprir co acordo de mediación e o protocolo de boas prácticas e a investigar as responsabilidades?”, preguntou directamente Avia Veira.

A resposta que obtivo por parte do concelleiro foi bastante evasiva. Villoslada eludiu dicir directamente que o Goberno Local si vai abrir esas pesquisas, aínda que implicitamente si que deixou entrever que o faría ao afirmar literalmente que “o Goberno Local vai dar cumprimento en todos os seus termos ao acordo de mediación para a execución da sentenza que afecta o edificio Conde de Fenosa”. 

Así, ao se referir ao Protocolo de Boas Prácticas, Villoslada dixo: “Recóllense entre outros temas as accións de regreso e repetición que efectivamente este concello está tramitando como continuidade das dilixencias que se iniciaron polo goberno anterior”.

E que significa a acción de regreso á que alude o Protocolo? Pois a exixencia de oficio, en vía administrativa, a “funcionarios e autoridades” da responsabilidade en que eventualmente tivesen incorrido por “dolo, culpa ou neglixencia graves” naqueles casos, como o que nos ocupa, en que a administración se vise obrigada a indemnizar a terceiros.

 

Villoslada recoñece implicitamente que si se vai investigar o caso do Conde de Fenosa