ARTIGO DE FRANCISCO JORQUERA

Un bon acordo fiscal e un freo á demagoxia

<i>Francisco Jorquera</i>
Reproducimos a seguir o artigo que o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, publica este martes 15 de decembro nas páxinas de La Opinión de A Coruña en relación ao Acordo sobre as Ordenanzas Fiscais asinado o pasado xoves 10D cos grupos municipais do PSdeG-PSOE e a Marea Atlántica.
Un bon acordo fiscal e un freo á demagoxia

No BNG sempre fomos partidarios dos acordos amplos –en coordenadas progresistas e nacionalistas- no seo da Corporación coruñesa e moito máis agora, en plena pandemia, cando a situación social adquire caracteres de enorme gravidade, nomeadamente nos sectores (a hostalaría, o comercio, a cultura) máis golpeados pola crise. E sempre concibimos o noso labor en María Pita como a terminal do noso diálogo coas veciñas e veciños desta cidade. Sen as súas achegas non nos sería posíbel facer o noso traballo.

Pois ben, o pasado xoves 10 de decembro presentamos no Pazo de María Pita o acordo sobre as Ordenanzas Fiscais que alcanzamos co PSdeG-PSOE e a Marea Atlantica. No encontro cos medios cualifiqueino de bon acordo. Éo porque prefigura un ambicioso paquete de axudas. Exencións fiscais, por un lado, mais tamén previsións para o pleno desenvolvemento do PRESCO 2020 e compromiso para a elaboración do PRESCO 2021. Eses son os eixos do acordo. E non podo menos que me congratular do feito de que o texto selado polas tres forzas políticas incorpora as nosas propostas e, sobre todo, dá cabida ás achegas dos colectivos cos que nos reunimos ao longo das últimas semanas.

Sempre concibimos o noso labor en María Pita como a terminal do noso diálogo coas veciñas e veciños desta cidade

En virtude do acordo, haberá unha exención fiscal total nunha serie de taxas para os locais que se vexan obrigados a fechar se a evolución da pandemia así o demandar durante o próximo ano. Haberá tamén unha significativa redución do 50% das taxas que soportan se se visen afectados por restricións de horarios ou capacidade. Iso polo lado do apoio fiscal. Canto ás axudas directas, o compromiso é o da axilización do PRESCO –temos denunciado a lentitude na súa tramitación- e o inicio de inmediato dos traballos de elaboración dunha nova edición deste plano de reactivación económica e social para 2021.

Este acordo érguese como alternativa necesaria perante a demagoxia fiscal enarborada pola dereita. O PP pedíalle ao Concello que fixese algo que el non fai á fronte da Xunta. Basta ollar os orzamentos galegos para vermos que neles apenas hai exencións fiscais. Ese dobre xogo do PP xa está moi visto. E resulta particularmente irresponsábel coa que está caendo, cando é máis necesario que nunca que as administracións fagan un uso virtuoso das políticas fiscais: si ás exencións (que deben ser progresivas, nunca lineais), mais si tamén á suficiencia de recursos para atender as necesidades sociais e para o sector público contribuír á reactivación da economía e á creación de emprego.

 

Un bon acordo fiscal e un freo á demagoxia