UNHA PROPOSTA DE FRANCISCO JORQUERA APÓS FALAR CON DEPORTISTAS DA CIDADE

O remo e o piragüismo necesitan unha base: pódena ter se rexenerarmos os terreos da Conserveira Celta

O proxecto que manexa o Goberno Local é o de instalar unha base para as actividades deportivas náuticas no espazo ocupado polos antigos estaleiros Valiña. Mais este emprazamento presenta non poucos problemas para a práctica do remo olímpico e determinadas modalidades de piragüismo, polo que o BNG propón como alternativa acondicionar para estes deportes os popularmente coñecidos como terreos da Conserveira Celta, no recheo situado nas inmediacións da Pasaxe. Alí podería establecerse tamén a sede dunha futura Escola Municipal de Remo e Piragüismo. A formación nacionalista fai esta proposta a través dunha pregunta por escrito de Francisco Jorquera ao Goberno Local.
O remo e o piragüismo necesitan unha base: pódena ter se rexenerarmos os terreos da Conserveira Celta

No texto da iniciativa, o voceiro nacionalista en María Pita argumenta que os terreos dos antigos estaleiros Valiña non son os óptimos para a prácticva do remo e de certas modalidades de piragüismo basicamente por dúas razóns.

A primeira razón é que se acha perto da dársena pesqueira de Oza, o que “limita a zona de adestramento, pois as embarcacións deportivas non poden achegarse á zona de amarre dos barcos de pesca”.

O segundo motivo é á súa proximidade á canle de entrada da Ría do Burgo, entre as Xubias de Abaixo e a restinga da praia de Santa Cristina, “unha zona de fortes correntes, onde se produce un cruzamento de mareas”, unha característica que a torna impracticábel para determinadas embarcacións.

“Esta última limitación”, argúe Jorquera, fai que ese emprazamento non sexa acaído nin para modalidades de piragüismo (en pista olimpica, canoa) nin para a práctica do remo olímpico (banco móbil).

En troca, o recheo dos terreos da Conserveira Celta si cumpriría todas as condicións para acoller a base desas modalidades deportivas e neles, remarca Jorquera, podería estabelecerse tamén a sede da futura Escola Municipal de Remo e Piragüismo.

“Neste lugar”, relata o portavoz nacionalista, “existe un malecón cunha lonxitude de 700 metros e hai unha lámina de auga permanente, o que permitiría a práctica do remo e do piragüismo as 24 horas do día”. “A súa ubicación en plena Ría do Burgo”, resalta, “convértena nun lugar óptimo para estes deportes, pois permitiría a súa práctica 350 días ao ano”.

E, alén diso, materializaríase unha vella demanda da sociedade coruñesa, a rexeneración desta zona do bordo litoral, que naturalmente debería ir acompañada, salienta o portavoz do BNG, dunha “solución habitacional” para as persoas que actualmente moran no asentamento chabolista alí radicado.

Os terreos da Conserveira Celta, xunto co coñecido como porto piollo, alí a carón nas Xubias, serían tamén “un lugar axeitado para acoller unha base de embarcacións tradicionais”.

“Os encontros de embarcacións tradicionais”, explica Jorquera, “non só teñen unha dimensión deportiva, senón que tamén dinamizan sectores como a carpintaría de ribeira, a velaría ou os efectos navais, ben como contribúen para protexer, conservar e divulgar o patrimonio marítimo galego, alén do seu gran potencial turístico”. “En países do arco atlántico europeo, sen máis tradición marítima que Galiza, estes encontros atraen milleiros de visitantes”, subliña.

Por todo isto, Jorquera pregúntalle ao Goberno Local se reparou nas limitacións da futura base náutica de Oza para a práctica do remo olímpico e determinadas modalidades de piragüismo e se non considera como mellor alternativa para estes deportes o recheo en que se atopan os terreos da Conserveira Celta.

Inquírelle tamén Jorquera ao Goberno Local se ten entre os seus proxectos crear unha Escola Municipal de Remo e Piragüismo e se comparte a idea de que os Encontros de Embarcacións Tradicionais poden, alén do aspecto deportivo, dinamizar sectores produtivos como a carpintaría de ribeira ou a velaría e ser un atractivo turístico.

 

 

O remo e o piragüismo necesitan unha base: pódena ter se rexenerarmos os terreos da Conserveira Celta