De tanto privatizar, a Concellaría de Mobilidade vai ficar baleira de funcións

De tanto privatizar, a Concellaría de Mobilidade vai ficar baleira de funcións

A Coruña, 8 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG alerta de que de tanto privatizar a Concellaría de Mobilidade vai ficar baleira de funcións. E é que a maiores das privatizacións da xestión administrativa das multas de tráfico e da xestión administrativa da xestión das solicitudes para a instalación de terrazas en espazos públicos, o Goberno do Sr. Negreira vén de privatizar o seguimento da aplicación do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS).

O Grupo Municipal do BNG tivo coñecemento desta nova privatización a través dunha resolución de Alcaldía pola cal se saca a contratación mediante procedemento negociado “os servizos necesarios para informar, deseñar, dirixir e controlar o desenvolvemento de actuacións programadas dentro do PMUS”. A resolución tamén autoriza o gasto por importe de 48.400 euros (IVE incluído) para a citada privatización.

Á vista da privatización de servizos de tal relevancia como a xestión das multas, das solicitudes de terrazas e do seguimento da aplicación do PMUS, as nacionalistas sinalan que non saben que labor vai desenvolver a partir de agora a concelleira de Mobilidade e o persoal adscrito a este departamento.

O BNG critica o furor privatizador do Sr. Negreira

O Grupo Municipal do BNG denuncia que a privatización do seguimento da aplicación do PMUS responde ao furor privatización do Sr. Negreira e únese á vaga de externalizacións que o PP está a acometer nos últimos tempos para adelgazar a administración local. E é que esta privatización súmase á externalización da xestión das multas; da xestión das solicitudes para a instalación de terrazas, da intervención e control técnico de dependencias municipais; da elaboración de normativas municipais; da redacción de pregos técnicos, plans, anteproxectos e proxectos básicos e de execución; da elaboración de informes técnicos... As nacionalistas critican que a teima do Sr. Negreira por privatizar abrangue mesmo a organización de actos de entrega de diplomas.

O BNG denuncia que a través destas externalizacións, o Goberno do Sr. Negreira malgasta cartos públicos en encargarlle tarefas a empresas privadas que podería facer o propio persoal técnico do Concello, sobradamente cualificado e, ademais, descapitaliza as arcas públicas. Lembran as nacionalistas que resulta máis custoso que este tipo de labores os faga unha empresa privada que o propio persoal municipal.

De tanto privatizar, a Concellaría de Mobilidade vai ficar baleira de funcións