A subvención para asociacións veciñais pode dar pé a valoracións subxectivas e arbitrarias

A subvención para asociacións veciñais pode dar pé a valoracións subxectivas e arbitrarias

A Coruña, 1 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG considera que os criterios para avaliar os proxectos de subvención para a dinamización de asociacións veciñais son tan xeralistas, que dan pé a valoracións subxectivas e arbitrarias. Así subliñan que dos catro criterios a avaliar dun total de trinta puntos, cáseque a metade, catorce, son para avaliar o interese xeral do proxecto ou actividade (dez puntos) e a súa orixinalidade (catro puntos). Sendo os restantes dezaseis para a valoración da memoria explicativa de execución do proxecto ou actividade (oito puntos) e para a adecuación do orzamento á actividade plantexadda (oito puntos). Todo isto contradí o anunciado e reiterado polo goberno do sr. Negreira cando sinalaban que ían ser obxectivos no reparto de axudas a entidades e demostran máis unha vez todo o contrario.

Alén disto, as nacionalistas, consideran que esta liña de subvención, publicada no BOP o pasado 14 de agosto, non atende para nada as necesidades destas entidades e pouco poden promovelas e apoialas como sinala a súa finalidade, pois cinxe o obxecto de financiación a un único proxecto para desenvolver actividades formativas, culturais ou de lecer ou aquelas relacionadas con algunha festa tradicional popular. Así, sobrancean, que se bota en falta que non sexan gastos subvencionábeis aqueles que poidan axudar a manter unha mínima infraestrutura como son os alugueres de locais das entidades ou os gastos correntes de funcionamento, cando estes son os maiores custos que teñen tales asociacións, nun momento, ademais, que moitas delas están a dobregar a súa actividade e acción malia o difícil momento económico e social.

A subvención para asociacións veciñais pode dar pé a valoracións subxectivas e arbitrarias