O Sr. Negreira condena ao fracaso as peticións do BNG sobre o caso Someso

O Sr. Negreira condena ao fracaso as peticións do BNG sobre o caso Someso

xose 4A Coruña, 2 de abril de 2015.- A xuízo do BNG, non ten sentido demandar por responsabilidade contábel no Tribunal de Cuentas cando non se revisan de oficio os acordos e actos nulos de pleno dereito en Someso, algo que constitúe "un elemento decisivo" e sobre o que teñen insistido tanto o Instrutor do Tribunal de Cuentas na súa acta de liquidación provisional como o propio Ministerio Fiscal, ao indicaren na causa aberta a instancias do BNG que, mentres non se revisen de oficio os acordos e actos administrativos do Sector S-7 de Someso, non se poden determinar as responsabilidades contábeis. Por esta razón, calquera demanda formulada sen terse procedido a esta revisión semella estar condenada ao fracaso por culpa do Goberno Local, que é o único que pode facer o esencial en todo este asunto: revisar os acordos e actos nulos de pleno dereito en Someso.

O BNG xa non pode seguir suplindo no Tribunal de Cuentas a inacción do Goberno Local para defender os intereses do Concello da Coruña

A constante negativa do Goberno Local a revisar de oficio tales acordos e actos nulos de pleno dereito condena ao fracaso calquera demanda por responsabilidade contábel. Isto é o determinante para que o BNG anuncie, moi ao seu pesar, que non vai promover ningunha demanda neste sentido, sen prexuízo de que siga manténdose personado no procedemento de reintegro por alcance número A302/14, que trae causa da denuncia efectuada no seu día polo propio BNG coa finalidade de defender os intereses tanto do Concello da Coruña como da súa veciñanza.

Na súa demanda no Tribunal de Cuentas, o propio Goberno Local non "aconsella" a revisión de oficio, que é algo totalmente contrario á esixencia de responsabilidade contábel 

Non se pode facer caso omiso do indicado tanto polo Instrutor como polo Ministerio Fiscal ao respecto, razón pola que o BNG igualmente considera condenada ao fracaso a demanda interposta neste sentido polo Goberno Local, que semella estar orientada máis a dar a sensación de que se fai algo que a querer resolver realmente o problema e defender os intereses do Concello da Coruña fronte aos grandes beneficiarios da desfeita urbanística e dos prexuízos económicos sufridos polo nosa cidade en Someso.

Mesmo na súa demanda presentada no Tribunal de Cuentas, o Goberno Local segue mantendo que a revisión de oficio dos acordos do 2004 e 2005, de enaxenación do patrimonio municipal, non é aconsellábel (literalmente se afirma na demanda "no se aconseja dicha actuación"). E isto é manifestamente contrario á esixencia de responsabilidade contábel. O Goberno municipal pretende esixir responsabilidade contábel en base a uns acordos que considera non aconsellábel revisar, a pesar de que na propia demanda se considera que vulneraron totalmente o procedemento legalmente estabelecido. Tales afirmacións poden comprobarse directamente nos extractos da demanda do Goberno Local.

Chama tamén a atención que na demanda do Goberno Local non se argumente en ningún momento a imposibilidade de revisión de oficio de tales acordos por ter trancorrido o prazo para isto, habida conta que esta é outras das xustificacións do Sr. Negreira para non proceder a tal revisión. E non hai aquí nada ao respecto porque o Goberno Local sabe, a través das numerosas inciativas presentadas polo BNG en relación con este asunto, que non ten transcorrido ningún prazo para tales efectos.

O Sr. Negreira condena ao fracaso as peticións do BNG sobre o caso Someso