AS MEDIDAS VAN DESDE A COMUNICACIÓN E O VOLUNTARIADO ATÉ A POLÍTICA FISCAL E O SERVIZO DE LIMPEZA

Estas son as propostas do BNG para facer fronte ao Covid-19 desde os concellos

Edificio do Palacio Municipal de María Pita
Abranxen distintos ámbitos, desde a comunicación até o voluntariado pasando polas medidas sociais ou aquelas que se refiren ás taxas ou impostos municipais.
Estas son as propostas do BNG para facer fronte ao Covid-19 desde os concellos

Achegámosche un pdf en que se detallan pormenorizadamente as accións que se poden promover desde as institucións locais para combater a pandemia, quer no plano sanitario quer no socio-económico.

Falamos dun amplo abano de medidas: desde a creación nas webs municipais dun apartado de información monográfica sobre o covid-19 até a posta en marcha dun rexistro de voluntarios e voluntarias con perfís persoais e profesionais que poidan seren útiles na loita por frear a expansión da enfermidade e nomeadamente nos coidados ás persoas especialmente vulnerábeis.

Hai, por suposto, un amplo repertorio de medidas de intervención social. Por exemplo, a implementación de axudas de emerxencia ás familias para afrontaren as necesidades das e dos menores, a atención ás persoas sen fogar ou a coordenación con outras administracións para elaboraren un protocolo de atención e seguimento a vítimas de violencia machista.

Nos aspectos puramente sanitarios desta crise é básico reforzar os servizos de limpeza, polo que o BNG avoga por que se poña moito o acento na desinfección e fumigación dos espazos públicos e, se fose posíbel, se estabeleza a recollida de lixo porta a porta baixo petición de persoas vulnerábeis. Igualmente ten que se prever a formalización dun protocolo de recollida de lixo a domilicio para posíbeis doentes positivos por coronavirus.

Canto á atención ao persoal e servizos de titularidade municipal, o BNG propón que se dote de equipos de protección individual a todas aquelas traballadoras que desenvolvan labores de atención ao público, que se reduza a atención presencial ao mínimo imprescindíbel (a fomentar o teletraballo) e por suposto que se garanta o mantemento do emprego.

As medidas fiscais son imprescindíbeis para mitigar as secuelas económicas da emerxencia. Nos dous planos. No dos ingresos, coa prórroga dos prazos para o pagamento das taxas e dos impostos municipais. E no do gasto e investimento, co impulso a un Plan de Reactivación Económica.

 

Estas son as propostas do BNG para facer fronte ao Covid-19 desde os concellos