"Somos escépticos co anuncio respecto da Ría do Burgo e imos seguir movéndonos"

Jorquera e outros concelleiros nacionalistas esta mañá na rolda de prensa.
Jorquera e outros concelleiros nacionalistas esta mañá na rolda de prensa.

Francisco Jorquera anuncia unha viaxe do BNG a Bruxelas a próxima semana e cuestiona o plan da Xunta e do Estado “que está pendente do permiso de Europa para cambiar o destino de fondos comunitarios”

"Somos escépticos co anuncio respecto da Ría do Burgo e imos seguir movéndonos"

“O BNG non vai ficar parado, imos seguir movéndonos da man das mariscadoras e dos colectivos afectados, porque afectados somos todas e todos os veciños da Ría do Burgo. Imos seguir movéndonos porque somos escépticos co plan presentado esta semana pola Xunta e polo Estado; que é un plan que non conta co permiso do actor principal, o que ten que dar o visto bo, Europa. E por riba nin sequera hai un plan B”, dixo Francisco Jorquera esta mañá en rolda de presenta para anunciar a súa viaxe a Bruxelas (luns e martes da próxima semana) xunto a concelleira do BNG na Coruña Avia Veira e o concelleiro do BNG en Culleredo, Tono Chouciño.

 

O candidato a Alcaldía da cidade, lembrou que foi o traballo de Ana Miranda, eurodeputada do BNG, o que fixo posíbel que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo se preocupara polo estado da Ría do Burgo, e o que fixo posíbel que agora se reabra o informe do Parlamento Europeo sobre a cuestión “dado o reiterado incumprimento por parte do Estado e da Xunta” das recomendacións de actuacións para a rexeneración do espazo.

 

“Somos escépticos porque despois de cinco anos a situación da ría agravouse e ano tras ano nos orzamentos [do Estado] aparece unha partida que nunca se executa -insistiu Jorquera-. E porque desde 2018 o Estado está pagando unha multa de 37.000 euros diarios por incumprir a normativa europea de protección destes espazos naturais”.

 

Jorquera incidiu en que todo o plan anunciado está “a expensas de que se autorice o desvío dunha partida de fondos europeos e a data límite, o 2020, está á volta da esquina".