MOBILIDADE

Só se pode cualificar como fracaso político a ausencia de políticas en materia de mobilidade da Marea Atlántica neste mandato

Para que acordou o Goberno da Marea Atlántica a caducidade da concesión do transporte publico hai dous anos se non tiña realmente unha proposta alternativa e co obxecto de facer unha nova licitación? Para nós é un fracaso político porque entendemos que podería ter sido unha transformación radical da mobilidade na Coruña

Denucniamos que o Executivo local amosa coa decisión de dar continuidade á concesión da Compañía de Tranvías que non ten un plan para a mobilidade na cidade e que renuncia a telo para o que queda de mandato

 Entendemos que o concelleiro de Mobilidade Sostíbel Daniel Díaz Grandío enganou durante todo este tempo nas súas intervencións nas que se gababa do acordo da caducidade da concesión e de estar traballando nos pregos dunha nova e acusámolo dunha “fuxida cara diante” que será resolta pola próxima corporación que saia das eleccións municipais de 2019

Só se pode cualificar como fracaso político a ausencia de políticas en materia de mobilidade da Marea Atlántica neste mandato

Vimos de realizar esta maña unha rolda de prensa previa á decisión da Xunta de Goberno onde se resolveu a continuidade da concesión do transporte público colectivo a favor da Compañía de Tranvías logo de acordar a súa caducidade en novembro de 2016.

Nesta comparecencia, sinalamos esta decisión como un fracaso político que amosa a falta dun proxecto en materia de mobilidade do Executivo da Marea Atlántica.

Asemade, preguntámonos por que a Área de Mobilidade resolveu no seu momento esta caducidade, realizada de forma inesperada, e decidiu aplicar o Regulamento (CE) 1370/2007, se non tiña una proposta alternativa seria e rigorosa, polo que cualificamos a decisión, tomada en novembro de 2016, como improvisada.

Foi simplemente para conseguir un titular? Foi para dicir que se facía algo? Ou simplemente foi unha improvisación efectista? O seguro é que se perderon dous anos nos que se podería ter formulado unha transformación radical da mobilidade na cidade e nos que se podería ter avanzado en cuestións prácticas, do día a día, que afectan ás persoas: a reordenación de liñas, o aumento de frecuencias, a ampliación de horarios etc, cuestións todas elas que se adían sine die e que amosan unha neglixencia e o que nós consideramos unha tomadura de pelo para coa veciñanza.

Momentos previos ao comezo da rolda de prensa

Do mesmo xeito, na comparecencia asinalabamos que, despois das múltiples preguntas e interpelacións realizadas en Pleno en todo este período desde a resolución da caducidade, o concelleiro de Mobilidade Sostíbel Daniel Díaz Grandío enganou nas súas intervencións nas que se gababa do acordo desta, ademais de xustificar que non estivese lista a reordenación das liñas polo inmenso traballo que se estaba a realizar para a nova licitación, cousa que non se vai producir.

Así, acusámolo dunha “fuxida cara diante” que só será resolta pola próxima corporación que saia das eleccións municipais de 2019, e consideramos este mandato totalmente perdido en materia de mobilidade.

O certo é que o resumo destes catro anos será que nin se aproveitou unha oportunidade histórica para dar fin a unha concesión leonina que condiciona todos os anos as arcas municipais e que ofrece un servizo por todo o mundo cualificado como desastroso, nin se traballaron aspectos concretos sobre a mobilidade que puideran ter sido, canto menos, paliativos da situación, e que puxeran o transporte público ao servizo da veciñanza, como puideran ser a construción do carril bus, prometido pola Marea Atlántica no seu programa electoral, ou a modificación do método de pago para facilitalo e facelo máis áxil. En definitiva, só é cualificábel como un fracaso político.

A Coruña, 16 de novembro de 2018.

Só se pode cualificar como fracaso político a ausencia de políticas en materia de mobilidade da Marea Atlántica neste mandato