FOLGA DO LIXO

A situación na recollida do lixo precisa solucionarse xa

A nosa voceira Avia Veira nunha recente comparecencia pública
A nosa voceira Avia Veira nunha recente comparecencia pública

Rexistramos unha moción para facer que o Goberno Local reaccione e solucione o problema do lixo de seguridade para o cadro de persoal e de salubridade para a cidade

A situación na recollida do lixo precisa solucionarse xa

Diante da denuncia das traballadoras e dos traballadores dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria das múltiples deficiencias da maquinaria coa que teñen que realizar o seu traballo e que ten provocado diferentes accidentes, a nosa portavoz no Concello Avia Veira rexistrou unha moción (que podes descargar premendo aquí) para facer que o Goberno Local reaccione e solucione o problema do lixo de seguridade para o cadro de persoal e de salubridade para a cidade.

Se, hoxe en día, as traballadoras e os traballadores de recollida de lixo están a deixar constancia da mala situación da maquinaria deste servizo e, como é lóxico, ao temeren pola súa seguridade, non están a realizar o servizo de xeito normal, o Goberno local ten que actuar de contado.

Independentemente de que o contrato de recollida de lixo estea hoxe en día en proceso de licitación, o certo é que, segundo os pregos que regularon o contrato vixente até xaneiro de 2017, a maquinaria é propiedade do Concello da Coruña e nel ten que reverter unha vez finalizado o contrato.

Así pois, pretendemos con esta moción que, diante da circunstancia actual en materia de seguridade para as traballadoras e dos traballadores e de salubridade para a cidade, xa que non se pode facer a recollida de lixo e polo tanto este segue acumulándose nas rúas, cómpre que o Goberno Municipal actúe coa máxima axilidade.

Na parte dos acordos, propoñemos realizar unha auditoría da maquinaria dos servizos de recollida de lixo e de limpeza viaria cuxos resultados sexan públicos e transparentes. As nacionalistas solicitan ademais que, como resultado da dita auditoría, o Goberno Local programe o investimento preciso para que o Concello da Coruña se encargue da posta a punto da maquinaria de recollida de lixo e limpeza viaria ou, no seu caso, para a adquisición de maquinaria nova. Asemade, este investimento, se así se determina, esixiríase logo á empresa concesionaria.

A Coruña, 28 de xaneiro de 2019.