INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Seguimos sen desfibriladores en todos os recintos deportivos municipais

Vista exterior das instalacións deportivas municipais de Riazor (piscina e pavillón deportivo)
Vista exterior das instalacións deportivas municipais de Riazor (piscina e pavillón deportivo)

Preguntamos ao Goberno municipal por que aínda non se ten dotado a todas as instalacións deportivas municipais de aparellos DEA

A incorporación deste aparello a todas as instalación municipais foi unha das propostas achegadas polo noso Grupo Municipal na emenda aos orzamentos 2017

Queremos saber por que aínda non se executou esta aplicación, incluída no modificativo M3/2017 aprobado de xeito definitivo no Pleno de setembro. Entendemos fundamental e urxente que todos os recintos deportivos dependentes da xestión municipal teñan estes aparellos, que se ten demostrado que salvan vidas

Seguimos sen desfibriladores en todos os recintos deportivos municipais

Vimos de presentar esta mañá por rexistro unha iniciativa (podes descargala premendo aquí) na que solicitamos aclaracións ao Executivo local do por que aínda non se ten dotado a todas as instalacións deportivas municipais de aparellos DEA.

Con data 11 de setembro, o Pleno do Concello da Coruña aprobaba de xeito definitivo, no seu asunto número 3, o expediente M3/2017, de concesión de cretos extraordinarios, suplementos de cretos e modificación dos anexos de investimentos e de subvencións nominativas os orzamentos de 2017 que incluía a aplicación 50.342.62300, investimentos en maquinaria, instalacións e ferramenta (merca de aparellos DEA en todas as instalación deportivas municipais), por valor de 37.199,00 euros.

Esta aplicación, entre outras, incluíuse neste modificativo polo compromiso adquirido publicamente polo alcalde, e por extensión, polo Goberno municipal, no Pleno da Cuestión de Confianza de data 4 de febreiro de 2017, ao anunciar a incorporación aos orzamentos 2017 das achegas realizadas por nós, tras ser transacionada a emenda que presentaramos por valor de máis dous millóns de euros.

Deste xeito, denunciamos que pasados dous meses desde a aprobación deste modificativo en setembro, temos constancia de que son varias as instalacións deportivas que seguen sen ter incorporado entre a súa ferramenta un aparello DEA, polo que reclamamos a través da iniciativa presentada hoxe, explicacións de por que non se executou aínda esta aplicación e para cando sen ten pensado executala.

Para nós a dotación en todas as instalación deportivas municipais dun Desfibrilador Externo Automático (ou semiautomático) é urxente e necesaria. Tense demostrado en numerosas ocasións que a presenza deste simple aparello electrónico salva vidas. Do mesmo xeito, a súa ausencia deu lugar a que non se puideran recuperar persoas con parada cardiorrespiratoria cando é debida á fibrilación ventricular. Queremos que se aclare se o Executivo local non considera prioritario e urxente que todos os recintos deportivos dependentes da xestión municipal teñan estes aparellos.

Por último, xa anunciamos que dentro do seguimento que xa realizamos dos compromisos adquiridos polo Goberno municipal a respecto da incorporación das achegas froito da transacción da emenda aos orzamentos 2017, teremos especial atención á execución das partidas orzamentarias e o cumprimento rigoroso a cargo do exercicio.

 

A Coruña, 8 de novembro de 2017.