AVIA VEIRA DEFENDERÁ ESTA INICIATIVA NO PLENO DO 10 DE SETEMBRO

Un rogo para democratizar a Escola Municipal de Música e adaptar as súas infraestruturas á Covid-19

A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar un rogo oral, para a súa defensa no Pleno do vindeiro 10 de setembro, a medio do cal pídelle ao Goberno Local que revitalice a Escola Municipal de Música (EMM), democratice o seu funcionamento interno e adapte as súas infraestruturas ás necesidades decorrentes da Covid-19.
Un rogo para democratizar a Escola Municipal de Música e adaptar as súas infraestruturas á Covid-19

Na exposición de motivos deste rogo, explica Veira que a Escola Municipal de Música se acha nunha situación de provisionalidade derivada da xubilación do anterior director e de que o mandato da actual directora, “cuberto como unha interinidade”, remata agora, polo que estaríamos en “tempo de renovación”.

Pois ben, no proceso de escolla da nova dirección o claustro da escola non vai ser nin consultado nin vai poder votar sobre “un proxecto educativo ou outro defendido por unha persoa candidata ou outra á dirección da escola”.

“Desde o BNG”, remarca a edil nacionalista, “consideramos que todas as entidades dalgún xeito dependentes do Concello da Coruña e que sexan de titularidade municipal deben ter un funcionamento democrático”.

Aliás, a escola depende do Consorcio para a Promoción da Música e, porén, non ten representación na xunta de goberno deste organismo, o cal, estima Veira, tampouco parece moi democrático, como non o é en absoluto o feito de non existir un regulamento de réxime interno que recolla os dereitos e deberes do alumnado, do profesorado e do persoal non docente.

Avia Veira critica o abandono da EMM por parte do executivo coruñés: “O concelleiro de Cultura aínda non acudiu nin a visitar as instalacións nin a se reunir co profesorado”

Á provisionalidade que caracteriza a situación actual da EMM únese, denuncia Veira, a “ausencia de implicación e apoio por parte da Administración local”, o que se ten traducido nunha mingua dos servizos que presta esta institución docente. De feito, subliña a concelleira do BNG, desde o 13 de marzo en que se activou o Estado de Alarma no Estado non houbo “ningún tipo de indicacións” para a EMM continuar o seu funcionamento sequera fose de xeito telemático, “como si ten acontecido noutras escolas municipais de música como a de Pinto en Madrid”.

Analogamente, tampouco se está a traballar nestes momentos “na creación dunha aula virtual para a impartición de ensino telemático”, perante a eventualidade de a situación sanitaria demandar a interrupción das aulas presenciais.

A falta de previsión maniféstase tamén en que “polo que sabemos, tampouco está a haber un impulso para a adaptación da infraestrutura e do novo curso á nova situación xerada pola pandemia”.

En definitiva, o cadro xeral é de abandono desta EMM por parte do Goberno Local –faise preciso tamén modernizar o edificio  que acolle a súa sede- e, nese sentido, critica Avia Veira que “o concelleiro de Cultura aínda non acudiu nin a visitar as instalacións nin a se reunir co profesorado”.

 

 

Un rogo para democratizar a Escola Municipal de Música e adaptar as súas infraestruturas á Covid-19