ALVEDRO

Reunímonos co cadro de persoal de Alvedro

Un dos momentos da reunión que mantivemos esta mañá
Un dos momentos da reunión que mantivemos esta mañá

Reunímonos coa representación das traballadoras e dos traballadores de Alvedro para analizar a situación actual do aeroporto da Coruña

A conexión coa cidade e a comarca e coas outras tres terminais galegas, a implantación do sistema GBAS de aproximación por GPS, a diversificación de destinos ou a necesidade de reclamar a transferencia á Xunta da xestión do Sistema Aeroportuario galego, entre outros, foron os principais asuntos tratados na reunión

O BNG sempre tivo moi clara a actuación a respecto dos aeroportos na Galiza: só a transferencia da competencia a Xunta para a xestión do Sistema Aeroportuario galego e a xestión coordinada, conxunta e vinculada entre os tres terminais garantiría un servizo acorde as necesidades reais de Alvedro, redundando en beneficio para A Coruña e a comarca

Reunímonos co cadro de persoal de Alvedro

A nosa concelleira Avia Veira e representantes do Comité de Empresa de Alvedro mantiveron está maña unha reunión na que trataron varias das reivindicacións que reclaman as traballadoras e traballadores do aeroporto coruñés.

Neste encontro, tratáronse asuntos clave para o desenvolvemento futuro do aeroporto e nos temos posicións coincidentes coa representación do cadro de persoal.

Imaxe dun avión despegando de Alvedro

Entre outros, na reunión abordouse a necesidade garantir de vez unha conexión rápida e áxil do aeroporto coa cidade e coa comarca (agora mesmo só existe unha liña de bus que conecta a terminal co centro da cidade, e ningunha co resto de concellos da comarca), así como tamén a conexión cos demais aeroportos de Galiza, cuestión para que a que propoñemos que se realicen investimentos en servizos de lanzadeiras por estrada e mesmo investimentos na conexión por medio do ferrocarril ou tren de proximidade.

Tamén houbo coincidencia en valorar coma fundamental a implantación de sistemas de aproximación na cabeceira sur a través do sistema de navegación por satélite GBAS que permitiría que os avións puideran aterrar con condicións climatolóxicas adversas e que provocan habitualmente os desvíos. Neste sentido, lembramos que este sistema require un investimento moi inferior a outros sistemas de aproximación, ademais de ter poucos gastos de mantemento, e que aforraría tempos, carburantes e outro tipo de gastos producidos polos propios desvíos.

Por outra banda, outro dos temas que trasladou a representación das traballadoras e traballadores, foi a necesidade da diversificación de destinos, mantendo os actuais, co obxecto de aumentar a oferta de voos desde o aeroporto, xa que logo, e segundo estimacións do propio cadro de persoal, o perfil actual de viaxeiras e viaxeiros está moi profesionalizado, polo que a busca de outro tipo de destinos redundaría no aumento de pasaxeiras e pasaxeiros.

Na propia xuntanza, Avia Veira volveulle transmitir aos traballadores alí presentes, e como en anteriores ocasións nas que tamén se mantiveron estes encontros, a nosa posición inequívoca a respecto da necesidade da transferencia á Xunta de Galiza da xestión do Sistema Aeroportuario galego, e dos beneficios que isto reportaría para os aeroportos, particularmente, e para a economía galega no seu conxunto.

É evidente a necesidade de ter un plan para a coordinación e a planificación do mapa de rutas aéreas para as tres terminais galegas. Son múltiples as iniciativas presentadas por nós no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados e Deputadas neste sentido, e sempre apostamos por un Sistema Aeroportuario galego, deseñado desde Galiza, no que os tres aeroportos operen en condicións de igualdade, coordinados e cun plan de rutas que dea prioridade aos volumes de pasaxeiras e pasaxeiros”, sinala Avia Veira.

E entendemos que o deseño de rutas ten que ser xestionado desde unha perspectiva integrada das tres terminais, e garantindo a conexión cos catro grandes sistemas aeroportuarios europeos (Londres, París, Amsterdam e Frankfurt) e co reforzo das conexión con, Lisboa, Bruxelas ou Roma, e, dentro do Estado, con Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Alacante etc.

Sempre tivemos moi clara a actuación a respecto dos aeroportos na Galiza: só a transferencia da competencia a Xunta para a xestión do Sistema Aeroportuario galego e a xestión coordinada, conxunta e vinculada entre os tres terminais garantiría un servizo acorde as necesidades reais de Alvedro, redundando en beneficio para A Coruña e a comarca.

A Coruña, 14 de decembro de 2016

Noticias relacionadas: