PREGUNTAS ORAIS AO GOBERNO LOCAL

Respostas sobre a declaración do cárcere como BIC, a ordenanza do galego e o soar de Adelaida Muro

Momentos antes do comezo do pleno
Momentos antes do comezo do pleno

O Goberno Local non tramitou a catalogación do cárcere como BIC (aínda que unha moción do BNG votada polo PSOE o mandataba a facelo), a próxima semana abrirá conversas cos distintos grupos municipais para avanzar na elaboración da Ordenanza do Galego e hai por volta dun mes presentou un dossier ao Ministerio de Defensa reclamando a devolución do soar de Adelaida Muro.

 

Respostas sobre a declaración do cárcere como BIC, a ordenanza do galego e o soar de Adelaida Muro

O grupo municipal do BNG formulou no pleno deste xoves tres preguntas ao Goberno Local sobre a declaración do cárcere como BIC, a Ordenanza do Galego e a intención de Defensa de someter a poxa o soar de Adelaida Muro. As dúas primeiras fíxoas a concelleira Avia Veira, en tanto que a terceira formulouna o portavoz do grupo municipal, Francisco Jorquera.

Sobre se o Goberno Local se dirixira á Xunta de Galiza para demandar a declaración do antigo cárcere provincial como BIC, o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, respondeu cun escueto “non”.

“Sorpréndeme a súa negativa tendo en conta que o Pleno aprobou unha moción do BNG en outubro pasado cos votos a favor do PSOE en que se pedía que o Goberno Local se dirixise á Xunta para solicitar a declaración do cárcere como BIC”, dixo Avia Veira.

Celemín argumentou que o Goberno Local non pensa facer nada a respecto do cárcere mentres non se resolva o preito xudicial en curso entre o Concello e o Ministerio de Defensa sobre se a Administración local debe compensar ou non ao Estado pola recuperación do edificio.

Por que é tan importante declarar o edificio como BIC? Explicouno Avia Veira nestes termos: porque se fose un Ben de Interese Cultural o actual propietario, o Estado, estaría obrigado a asegurar a súa conservación, nestes momentos estase a deteriorar a marchas forzadas, e tamén tería que o abrir ao público para a súa visita.
A respecto de cando pensa o Goberno Local enviar ao Pleno a Ordenanza do Galego, o portavoz do Executivo coruñés, José Manuel Lage, anunciou que a próxima semana abrirá consultas cos distintos grupos municipais arredor dunha proposta que, agarda, ten que contar co máximo consenso posíbel.

“No documento que BNG e PSOE asinamos o pasado 19 de xuño [o que viabilizou a investidura de Inés Rey] vostedes comprometíanse a traer a Pleno no primeiro ano de mandato unha proposta de Ordenanza do Galego. Até o anuncio que vostede acaba de facer non tivemos ningunha noticia ao respecto, a pesar de que xa estamos no décimo mes de mandato”, alegou Avia Veira.

“O Concello ten, como poder público, a encomenda de promover a normalización lingüística. É unha obriga legal –Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística, Lei de Uso do Galego como Lingua Oficial polas entidades locais ou o Plano Xeral de Normalización Lingüística-, mais é tamén unha obriga moral. Temos a obriga de lle legar aos nosos fillos e fillas a lingua que herdamos”, engadiu.

E finalmente sobre o anuncio de taxación do soar de Adelaida Muro, trámite previo á súa poxa, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, respondeu a Jorquera que “fará un mes presentamos un dossier a Defensa para pór sobre a mesa a reclamación desta parcela en Adelaida Muro”.

A este respecto Jorquera salientou que “Defensa xa se ten lucrado abondo na nosa cidade” e que, en virtude do convenio que en 1984 asinou co daquela alcalde do PSOE Francisco Vázquez, ese ministerio tería ingresado por volta de 8.000 millóns das antigas pesetas.

A devolución debalde de Adelaida Muro, como doutros soares e edificios militares en desuso, ten sido demandada en distintas mocións aprobadas polo Concello. Jorquera referiuse especificamente á presentada o 14 de xaneiro de 2019, un texto que Villoslada dixo esta tarde asumir a pesar de que mandataba non a este, senón ao goberno local anterior.

Naquela moción, resaltou Jorquera, instábase a que se mudase a cualificación do soar para que pasase a dotacional e impedir así a súa venda para a construción de vivendas.

“Non estamos perante unha cuestión nin técnica nin xurídica, senón política, de vontade política”, arguíu o portavoz nacionalista. “Non se limiten vostedes a presentar un dossier. Fagan presión política. Sexan firmes e esixentes ante Madrid na defensa do patrimonio da cidade”, reclamou.

Respostas sobre a declaración do cárcere como BIC, a ordenanza do galego e o soar de Adelaida Muro