PREGUNTA DE AVIA VEIRA A RESPECTO DOS TRÁMITES PARA DECLARAR O EDIFICIO COMO BIC

En resposta ao BNG, o Goberno Local propón abrir unha mesa de traballo sobre o antigo cárcere

O Goberno Local propuxo este xoves a creación dunha Mesa de Traballo para definir que facer co antigo cárcere provincial, unha vez que o Tribunal Supremo tombase a pretensión de anulación do convenio suscrito en 2005 polo Concello coa Sociedade de Infraestructuras e Equipamientos Penitenciarios (SIEP) e, por tanto, reafirmase que a administración local tería de achegar 1,1 millóns de euros no caso de querer facerse coa titularidade do inmóbel. A acción ante o Supremo foi instada polo propio Concello para tentar deixar sen efecto un convenio asinado polo Goberno de Francisco Vázquez.

En resposta ao BNG, o Goberno Local propón abrir unha mesa de traballo sobre o antigo cárcere

"Iniciou xa o Goberno Municipal os trámites para solicitar a declaración do antigo cárcere provincial como ben de interese cultural?". Esta é a pregunta que dirixiu a concelleira do BNG ao titular da Concellaría de Memoria Histórica, Jesús Celemín, durante o pleno ordinario do mes de xuño, realizado este xoves 4X.

"Os trámites da devandita declaración [demandada polo Pleno ao aprobar unha moción do BNG en setembro de 2019] víronse retrasados non por falta de interese, senón pola situación do estado de alarma", respondeu Celemín. "En ningún momento imaxine que este tema está esquecido e non é de interese para este Goberno", engadiu.

Na súa intervención, Avia Veira puxo en destaque que a catalogación do edificio como BIC é premente para impedir a súa ruína total e, por tanto, para obrigar o Estado a que terme do seu mantemento e garanta tamén a súa apertura ao público.

"Se este [polo Goberno Local] é un goberno progresista debe demandarlle tamén ao autochamado goberno máis progresista da historia que manteña a memoria das presas e dos presos políticos da ditadura que estiveron na prisión provincial da Coruña", defendeu a concelleira nacionalista. "Se non queremos que a historia se repita, se queremos que a xente coñeza a nosa propia historia, edificios como o do cárcere non poden desaparecer", apostilou.

"Non cuestionamos a necesidade de avanzar con máis rapidez na concreción do acordo plenario para a declaración do edificio como BIC", concedeu Celemín, quen a seguir xulgou "urxente" definir "que queremos facer con este espazo nun lugar privilexiado".

Após a sentenza do Supremo, que mantén vixente o convenio que obrigaría o Concello a pagar 1,1 millóns de euros por acceder á titularidad do inmóbel, Celemín dixo que está por ver "se o Concello ten pulso financeiro para acometer en solitario a recuperación dunha infraestrutura que suporá un grande investimento". E engadiu: "Iso requerirá unha grande altura de miras e evidente realismo por parte de todos. Seguiremos traballando para encontrar alternativas para conseguir que este espazo tan relevante para a memoria histórica da nosa cidade poda ser recuperado como merece".

Foi nese momento cando o concelleiro de Memoria Histórica emprazou o resto de grupos municipais a constituír conxuntamente co Goberno Local unha Mesa de Traballo para "abordar todas estas cuestións [sobre o que facer co antigo cárcere provincial] en conxunto". 

 

En resposta ao BNG, o Goberno Local propón abrir unha mesa de traballo sobre o antigo cárcere