A reforma da lei local deixará concellos da comarca sen autonomía e privatizará servizos municipais

A reforma da lei local deixará concellos da comarca sen autonomía e privatizará servizos municipais

A Coruña, 3 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña presentou esta mañá, en rolda de prensa, a campaña que levarán á rúa e mais aos concellos contra a reforma da lei local, o denominado, eufemisticamente, “anteproxecto de lei de racionalización e sustentabilidade na Administración local”. De “despropósito” cualificaron as nacionalistas esta lei, que baleirará de competencias a meirande parte dos concellos da comarca, que suporá a privatización dos servizos que presta a día de hoxe a Administración local, reforzará o papel das deputacións e que provocará o despedimento de traballadores e traballadoras municipais.

O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, puxo de manifesto que a lei proxectada polo Partido Popular privatiza e elimina servizos municipais básicos e denunciou que suporá unha agresión aos concellos de menos de 20.000 habitantes, no noso caso, Betanzos, Sada, Bergondo, Carral, Abegondo ou Aranga. Os máis afectados, sinalou Carballa, serán os municipios do rural, xa que o anteproxecto non ten en conta a realidade poboacional do país, caracterizada pola dispersión e polo avellentamento.

A intervención dos concellos: será Madrid quen decida e as deputacións as que presten servizos competencia, até o de agora, dos municipios

Raúl Fernández, responsábel local do BNG na Coruña, debullou o contido do anteproxecto de lei, que supón unha agresión, sen precedentes, á autonomía municipal. E é que, na práctica, intervéñense os concellos, que serán controlados e dirixidos desde Madrid. De feito, será a Administración central quen coloque os e as interventoras e os e as secretarias dos Concellos. Así, será Madrid quen decida que servizos se poden prestar ou cantos cartos se poden gastar.

O resposábel local do BNG criticou que o anteproxecto de lei, que “debería chamarse anteproxecto de irracionalización e de insustentabilidade”, non for consultado cos sectores implicados, “nótase que foi proxectado por persoas alleas ao día a día municipal”. Sinalou que lonxe de atender as características do mapa local galego, o anteproxecto de lei estabelece unha regulación homexénera que prexudicará a Galiza. Puxo como exemplo o custo estándar de servizos que pasarán a depender das Deputacións. É obvio, afirmou, que non custa o mesmo o servizo de recollida de lixo na cidade que no rural, onde as vivendas están dispersas.

Denunciou, ademais, que a lei que pretende desenvolver o PP reforza o papel das deputacións, cunha duplicidade que nos custa, só aos galegos e galegas, máis de 300 millóns de euros ao ano. Así, mediante o baleiro de competencias nos concellos de menos de 20.000 habitantes e mediante a invasión de competencias das autonomías en todo o que atinxe aos servizos públicos, as deputacións converteranse en delegacións do Goberno central con servizos públicos ao seu cargo.

Jabares: Os Concellos terán prohibido desenvolver políticas contra a violencia de xénero, de mocidade, de normalización lingüística, de prevención de drogas e mesmo de servizos sociais

Pola súa banda, a concelleira e tenente de alcalde en Culleredo, Raquel Jabares, ilustrou o que significará na práctica esta lei. “Cando o PP fala de eliminar competencias, se refire a eliminar servizos”, alertou e puxo de manifesto que labores que a día de hoxe prestan os Concellos terán que deixar de prestarse. É o caso da prevención en drogodependencia, que os algúns concellos prestan malia nin sequera ter subvención por parte da Xunta de Galiza para tal fin, ou as políticas de mocidade. Tamén estará prohibido prestar desde os concellos as políticas para a normalización da lingua e as políticas contra a violencia de xénero. De feito, alertou de que os Centros de Información á Muller (CMI) desaparecerán.

En materia de servizos sociais, Jabares explicou que a lei eliminará a atención especializada. Puxo como exemplo o Centro Municipal Ocupacional de Culleredo, que deixaría de perstar servizo. Unicamente, expuxo, se poderán facer valoracións de cara a calcular axudas como a Renda de Integración Social de Galiza (Risga) e prestar emerxenciais sociais, emerxencias que se farán, advertiu, sen proxecto ningún. E é que traballadores e traballadoras sociais e educadores e educadoras sociais van ser despedidos. “Máis alá do que o PP di, esta lei suporalle outro recorte máis ao pobo, mais este, con tesoiras das grandes”, advertiu Raquel Jabares.

O BNG levará á rúa e mais aos concellos unha campaña contra esta reforma da lei local

O BNG da comarca da Coruña comezará unha campaña, tanto na rúa como nos concellos, contra esta reforma da lei local. Precisamente, este sábado, as nacionalistas organizan unha xornada formativa, aberta a todo público, na que darán a coñecer as consecuencias da reforma. O coloquio terá lugar ás 12h na sede comarcal do BNG. As persoas interesadas apuntarse deberán escribir un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou chamar ao 981 168 977.

Ademais, o BNG levará aos concellos da comarca mocións contra a reforma da lei e explicaralles ás veciñas e veciños os efectos que terá nos municipios.

A reforma da lei local deixará concellos da comarca sen autonomía e privatizará servizos municipais