DEPORTES

Queremos saber para cando estará en funcionamento o novo campo de fútbol de Eirís

Vista interior do campo de fútbol de Agrela II (foto: Wikimedia Commons)
Vista interior do campo de fútbol de Agrela II (foto: Wikimedia Commons)

Preguntaremos sobre os prazos da reforma e adaptación do campo de fútbol de Eiris comprometido pola compra de terreos de Agrela

Despois de se asinar hoxe o contrato de compravenda dos terreos municipais poxados no polígono de Agrela entre o Concello da Coruña e Hijos de Rivera SAU, queremos que o Executivo aclare para cando está previsto o comezo do uso efectivo das novas instalacións deportivas

Queremos saber para cando estará en funcionamento o novo campo de fútbol de Eirís

Trasladaremos ao vindeiro Pleno ordinario de maio unha serie de preguntas para a súa resposta por escrito (podes descargalas neste enace) nas que solicitaremos do Goberno municipal aclaracións a respecto dos prazos que se manexan para a reforma e adaptación do campo de fútbol de Eirís comprometido en virtude da poxa de terreos realizada no polígono de Agrela, e que incluía ampliación e mellora do citado campo, a onde se traslada a actividade deportiva que se viña desenvolvendo até o de agora no chamado Campo de Agrela II.

Deste xeito, lembramos que esta poxa ten orixe na modificación da reformulación urbanística, aprobada en Pleno en maio do ano pasado de forma definitiva, no que se cambiaba a clasificación do terreo que alberga o campo de fútbol de Agrela II, pasando a solo de uso industrial-comercial. Á súa vez, este acordo plenario derivaba dun protocolo entre o propio Concello da Coruña e a empresa Hijos de Rivera SAU, de data de marzo de 2015, que logo, por medio dunha addenda de maio de 2016 rexistrou unha serie de modificacións, no que, por un lado a empresa comprometíase a presentarse á poxa e, por outro, existía o compromiso de financiamento para a actividade deportiva pasara a se desenvolver nunhas instalacións reformadas, ampliadas e modernizadas, neste caso no campo de Eirís.

Queremos que o Goberno municipal, toda vez que hoxe asinou xunto coa empresa o contrato de compravenda dos terreos municipais poxados no polígono de Agrela, dea conta, ao igual que nos pregos do convenio se lle exixe a empresa asumir os custes das obras de construción do novo campo de fútbol, así como o montante que puideran supoñer as expropiacións para que esa reforma cumpra as especificacións necesarias para o desenvolvemento das actividades deportivas que alí se vaian a practicar, que se aclare cales van ser os prazos desta actuación e para cando está previsto o comezo do uso efectivo das novas instalacións deportivas. Entendemos que as obras deben realizarse á maior brevidade posíbel co obxecto de que xa se poda dispoñer das instalacións deportivas para o comezo da temporada, polo que non descartamos realizar outro tipo de iniciativas para asegurar que os compromisos adquiridos se efectivizan e que as obras estean rematadas a tempo.

A Coruña, 19 de abril de 2018.