BARRIOS

Queremos máis investimentos e máis actuacións na Agra

Momento no que a nosa concelleira Avia Veira fala con representantes da Asociación do Mercado das Cunchiñas e da Asociación Veciñal da Agra no propio mercado
Momento no que a nosa concelleira Avia Veira fala con representantes da Asociación do Mercado das Cunchiñas e da Asociación Veciñal da Agra no propio mercado

Recollemos na Agra do Orzán as demandas e reivindicacións da súa veciñanza

Fixemos esta mañá un percorrido polas rúas deste barrio no que puidemos comprobar a súa situación, participamos da veciñanza das necesidades de actuación inmediata e falamos con comerciantes e praceiras do mercado das Cunchiñas

Recomendamos ao Goberno municipal comezar a visitar máis os barrios e a facer menos publicidade. Na Agra, entre outras moitas actuacións, cómpre aumentar os investimentos e facer actuacións inmediatas nas rúas e nas prazas: sobre a accesibilidade, sobre a mobilidade, reposición e mantemento do mobiliario urbano, esixir que se cumpra o soterramento de cables co que ten que a ver ordenanza municipal de gabias, nas redes de sumidoiros, para a mellora das zonas infantís ou mesmo de apoio ao pequeno e mediano comercio, nomeadamente no mercado da Cunchiñas

Xa avanzamos que ao longo dos próximos días presentaremos unha batería de iniciativas para dar resposta a todas as demandas que hoxe nos trasladaron as veciñas e veciños do barrio

Queremos máis investimentos e máis actuacións na Agra

Vimos de recoller esta mañá as demandas da veciñanza da Agra do Orzán despois de facer un percorrido polas súas rúas.

Así, e xunto con representantes do tecido asociativo, coa nosa concelleira Avia Veira, co noso Responsábel Local Manel Méndez e con varias e varios compañeiros do barrio, puidemos comprobar a situación a pé de rúa deste populoso barrio da cidade, así como tivemos coñecemento das necesidades de actuación inmediata para a zona polo que xa avanzamos que ao longo dos próximos días presentaremos unha batería de iniciativas no Concello para dar resposta a todas as demandas que hoxe nos trasladaron as veciñas e veciños do barrio.

Deste xeito, un dos problemas principais para os que reclama a veciñanza unha solución inmediata é a accesibilidade xa que logo son múltiples as queixas a respecto dos espazos para peóns existindo moitas rúas onde case é imposíbel percorrer as beirarrúas en cadeiras de rodas ou con coches para bebes, polo que se fai necesario o ensanchado destas, nomeadamente nas rúas Paramo, Canceliña e en vías paralelas e transversais á rúa Vila de Negreira.

Outro dos momentos da visita desta volta na zona da rúa Barcelona

Neste sentido, tamén a veciñanza trasladou a súa demanda de aumento de espazos para cargas e descargas xa que logo son múltiples as veces que camións de reparto estacionan enriba das beirarrúas, invadindo o espazo das e dos peóns e inutilizando varias vías.

Precisamente no apartado da mobilidade puidemos comprobar como se fai necesaria unha actuación integral no conxunto do barrio co obxectivo de desconxestionar o aparcamento, buscar alternativas que permitan unha circulación máis racional e respectuosa coas e cos peóns e recuperar espazos na medida de conciliar a circulación por todas estas vías interiores que existen na Agra e que constantemente están colapsadas por aparcamentos en dupla fila, rúas estreitas e incluso rúas con dupla dirección como as rúas Canceliña ou Entrepenas.

A respecto da situación das rúas e das prazas, e das infraestruturas en xeral, tamén puidemos comprobar como existe un deterioro evidente do mobiliario urbano, e como en zonas de lecer na contorna da propia praza das Cunchiñas, mesmo en zonas infantís, existindo carencia de elementos de seguridade, xa que logo na propia zona de xogos ao carón do xardín non existe unha separación acaída coa saída do aparcamento.

Representantes da Asociación Veciñal da Agra xunto con Avia Veira no cruce das rúas Observatorio con Canceliña

En toda esta zona da contorna da praza das Cunchiñas o deterioro de papeleiras, bolardos, mesmo varandas de seguridade, ou incluso a súa falla por desaparición, fan evidente unha actuación de mantemento e reposición que instamos se faga a maior brevidade. A veciñanza coincide xunto con nós que todo este deterioro pode ser evitado facendo un seguimento e control dos elementos urbanos, evitando en moitos casos a súa perda, e, polo tanto, evitando o aumento de custos ao ter que estar repoñendo elementos que, de estar ben conservados, durarían máis.

Tamén formou parte das esixencias da veciñanza actuacións a respecto da tiraxe de cables por fachadas ou seguimento, limpeza e renovación da rede de sumidoiros. En ambos casos, estas actuacións son comúns en varios barrios da cidade, e non é a primeira vez que llas trasladamos ao Goberno municipal, xa que logo, no primeiro caso o Executivo ten que facer cumprir as ordenanzas municipais ás distintas compañías instaladoras que en moitos casos as esquecen deliberadamente, e no segundo, cómpre que se fagan actuacións preventivas antes do comezo do outono xa que zonas como na Agra, con instalacións de mediados do século pasado, se producen, co comezo das choivas, asolagamentos de baixos e sotos ao estar moitas tubaxes cheas de lixo e restos acumulados dos meses do verán.

Na praza das Cunchiñas pouco antes de visitar o mercado

Por último, tamén visitamos o mercado da Cunchiñas, onde tamén puidemos cambiar impresións con representantes da asociación do mercado, e onde recollemos demandas a respecto da necesidade de aplicar políticas de dinamización, fomento da diversificación ou apoio a determinadas actuacións concretas como a instalación de “consignas” que facilitarían o labor das praceiras e dos pracerios.

“Recomendamos ao Goberno municipal comezar a visitar máis os barrios e a facer menos publicidade. Na Agra, entre outras moitas actuacións, cómpre aumentar os investimentos e facer actuacións inmediatas nas rúas e nas prazas: sobre a accesibilidade, sobre a mobilidade reposición e mantemento do mobiliario urbano, esixir que se cumpra o soterramento de cables co que ten que a ver ordenanza municipal de gabias, nas redes de sumidoiros, para a mellora das zonas infantís ou mesmo de apoio ao pequeno e mediano comercio, nomeadamente no mercado da Cunchiñas”, advertiu a nosa portavoz Avia Veira ao remate desta visita.

A Coruña, 11 de xullo de 2017.