RENDA SOCIAL MUNICIPAL

O Proxecto de ordenanza de Renda Social Municipal realmente regula unha axuda

O Proxecto de ordenanza de Renda Social Municipal realmente regula unha axuda

A Coruña, 26 de outubro de 2015.- No que se refire ao proxecto de Ordenanza de Renda Social Municipal, que  foi presentado ás entidades sociais o luns 26, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Coruña manifesta en primeiro lugar que considera positivo que se poñan todos os recursos públicos posíbeis para axudar ás familias e ás persoas que verdadeiramente están en situación de necesidade.

 

 

 

O Bloque considera positivo que se poñan todos os recursos públicos posíbeis para axudar ás familias e ás persoas que verdadeiramente están en situación de necesidade mais sinala que o proxecto non se refire en ningún momento a ningún tipo de prestación

 

 

 

As nacionalistas sinalan que, precisamente por tratarse dunha cuestión delicada, débese falar co máximo rigor. Deste xeito, manifestan que o que se nos presenta como Renda Social Municipal non é tal, pois non se trata de que o Concello lle faga un ingreso en conta de determinada cantidade de cartos ás persoas beneficiarias, a modo de prestación, para que satisfagan as súas necesidades básicas senón que o Concello lle paga, segundo di literalmente o proxecto de ordenanza, “aos acredores dos bens ou servizos prestados ou a prestar ao beneficiario”.

2015-10-27 10.31.26“O Concello non lle paga unha prestación de 500 euros a unha persoa -que reúna o requisitos especificados na ordenanza- na súa conta para que satisfaga as súas necesidades básicas: 150 euros en comida, 20 euros en auga, 30 euros en roupa para @s nen@s, 200 euros en hipoteca, 100 euros en luz e gas. O que acontecerá con esta ordenanza, tal e como se nos presenta, é que o Concello lle pagará 150 euros ao estabelecemento onde se merque  a comida, 20 euros a EMALCSA, 30 euros ao estabelecemento onde se merque a roupa, 200 euros ao banco en que teña asinada a hipoteca e 100 euros á empresa eléctrica ou subministradora de gas”, exemplifica Avia Veira.

Así pois, o Bloque sinala que se trata dunha axuda semellante, no xeito, á da emerxencia social só que ampliada no tempo en que unha persoa se poderá beneficiar dela e ampliada no que se refire ás persoas que poderán ser destinatarias. Así mesmo, o BNG sinala que este non é un debate exclusivamente nominalista sobre se o nome é axustado ou non senón do que realmente se lle está a presentar á cidadanía.

Por outra banda, quedan por definir moitos aspectos da proposta, como por exemplo os referidos ao encaixe que ten esta proposta a respecto da axuda por emerxencia social que existe actualmente, aos recursos que o Concello deberá destinar para garantir a cumprimento do disposto na ordenanza ou aos contidos dos “itinerarios de inclusión”.

 

 

 

As nacionalistas consideran que, para facer realidade a ordenanza, é imprescindíbel executar a descentralización dos Servizos Sociais Municipais nos Centros Cívicos Municipais e aumentar o cadro de persoal dos servizos sociais

 

 

 

A respecto dos medios que o Concello debe poñer para garantir que a ordenanza poida facerse realidade desde os servizos sociais públicos do Concello, o BNG entende que se lle imputan unha serie de funcións ás traballadoras e aos traballadores sociais que se suman ás que xa teñen na actualidade e que están a provocar listaxes de agarda importantes. Así pois,  as nacionalistas sinalan que debe aumentarse o cadro de persoal dos Servizos Sociais Municipais, no que ten a ver co persoal técnico – tanto persoas traballadoras sociais, como persoal orientador laboral-, mais tamén co persoal administrativo.

Asemade, para poder tamén cumprir coa intervención social e o seguemento que requirirá a aplicación da ordenanza, o Bloque sinala que é imprescindíbel executar a descentralización dos Servizos Sociais Municipais e, polo tanto, retornar aos barrios da cidade a persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención, proposta xa trasladada polo Grupo Municipal do BNG ao Goberno actual a través dun rogo oral de cara ao próximo pleno.

Por último, as nacionalistas tamén pregúntanse cales serán os contidos dos “itinerarios de inclusión” e en que se diferenciarían dos Itinerarios Personalizados de Inserción que hoxe en día se derivan dos servizos de orientación das oficinas de emprego e doutras entidades, que actividades incluirían, que tipo de formación sería incluídos nestes, que tipo de acreditación formativa, quen realizaría esta formación, se o propio Concello ou a Xunta de Galiza, e que fondos se empregarían para isto.