MOBILIDADE

Propostas para a mobilidade, propostas para o fururo

Un dos momentos da intervención da nosa concelleira Avia Veira durante a celebración do Foro
Un dos momentos da intervención da nosa concelleira Avia Veira durante a celebración do Foro

Aproveitamos o Foro pola mobilidade sostíbel para trasladar as nosas propostas en mobilidade para a cidade

Quixemos expor, entre outras, as nosas apostas por políticas que fomenten a optimodalidade, a mellora integral do transporte público en autobús, a implantación do tren de proximidade ou do transporte marítimo, de dar prioridade ás e aos peóns e por investimentos na mellora da accesibilidade universal do espazo urbano

Falamos do exemplo de Pontevedra, como modelo a seguir, e da necesidade de recuperar os espazos urbanos para as e os peóns

Todas e todos somos conscientes de que a nosa cidade ten un problema a respecto da mobilidade. A Coruña non pode deixar pasar a oportunidade de mellorar a súa mobilidade urbana, tendo en conta que estamos nun momento clave onde se abren múltiples opcións para mellorala. E por riba disto hai que ser conscientes de que si existen políticas destinadas a defender os intereses das persoas ou os intereses das empresas. Por tanto toca decidir e tomar as decisións

Propostas para a mobilidade, propostas para o fururo

Vimos de participar no Foro pola mobilidade sostíbel, organizado polo Concello da Coruña, no cal foron expostas as distintas alternativas en materia de mobilidade para a nosa cidade.

Así, e coa participación de César Mosquera, compañeiro noso que leva a área de infraestruturas no concello de Pontevedra, e de Avia Vería, trasladamos, en primeiro lugar, as experiencias na recuperación do espazo urbano para a veciñanza con procesos de peonalización que se están levando a cabo na cidade pontevedresa, e, en segundo, as propostas que en mobilidade temos para nosa cidade.

Pola súa banda, Cesar Mosquera, falou do traballo realizado durante estes últimos 18 anos nos que se fixo unha aposta decidida por peatonalizar o centro de Pontevedra, recuperando para a veciñanza espazos antes invadidos polos vehículos.

Cesar Mosquera, o primeiro comezando pola dereita, falou da experiencia da peonalización no Concello de Pontevedra

“Pontevedra hoxe en día é referente internacional. A peonalización ou se entende como un proxecto prioritario dun Goberno municipal ou fracasará. Estamos a falar dun determinado modelo de cidade que aposta por regular os usos dos vehículos de xeito racional, mais ao fin e ao cabo regular eses usos sabendo das dificultades e atrancos, para volver ganar as cidades para as persoas. Ou témolo claro e hai vontade política ou nunca haberá avances na peatonalización e humanización das nosas rúas e prazas", sinalou na súa intervención César.

Pola súa banda, Avia falou da aposta do BNG por políticas que fomenten a optimodalidade, a mellora integral do transporte público en autobús, a implantación do tren de proximidade ou do transporte marítimo, de dar prioridade ás e aos peóns e por investimentos na mellora da accesibilidade universal do espazo urbano.

A respecto da optimodalidade cremos necesario combinar, coa nova estación Intermodal, a posta en servizo do transporte de proximidade de San Diego, considerando esta aposta preferente. Xa nos temos posicionado en múltiples veces sobre a recuperación de San Diego, e así o levabamos nos nosos programas electorais de 2011 e 2015.

Tamén trasladamos as nosas propostas a respecto da mellora do transporte público en autobús, tanto ao que ten que ver co proceso do servizo urbano e a súa xestión pública municipal, como coa estreita e necesaria colaboración cos concellos da área metropolitana para a nova configuración do servizo na contorna comarcal.

Deste xeito, débese aproveitar a oportunidade que deu a aplicación do o Regulamento CE 1370/2007, que dá lugar á extinción da concesión administrativa do Servizo de Transporte Colectivo de Viaxeiros, xa que logo é unha oportunidade única para que o servizo de transporte urbano na Coruña pase pola súa xestión pública municipal.

Avia contestando a unha das intervencións do público unha vez aberto o debate

Mais tamén criticamos, a este respecto, que no que se leva de mandato o Goberno municipal non tivera a valentía para recuperar actuacións que no seu momento foron innovadoras e que supuxeron unha transformación en mobilidade, como o carril bus, polo que consideramos que en certa medida xa se leva case a metade de mandato perdido na aplicación daquelas intervencións que poderían ter mellorado substancialmente a mobilidade da cidade.

Por último, non quixemos deixar pasar a oportunidade de destacar a importancia do momento actual, e da nosa aposta por políticas que primen as persoas sobre os vehículos e que tomen como prioritarias as decisións destinadas para as maiorías sociais e non en función de empresas ou intereses económicos.

Todas e todos somos conscientes de que a nosa cidade ten un problema a respecto da mobilidade. A Coruña non pode deixar pasar a oportunidade de mellorar a súa mobilidade urbana, tendo en conta que estamos nun momento clave onde se abren múltiples opcións para mellorala. E por riba disto hai que ser conscientes de que si existen políticas destinadas a defender os intereses das persoas ou os intereses das empresas. Por tanto toca decidir e tomar as decisións.

A Coruña, 3 de abril de 2017