ORZAMENTOS XUNTA 2019

Propostas de investimentos do BNG para a área da Coruña nos orzamentos da Xunta 2019

Propoñemos máis de 30 millóns en investimentos para a comarca e cidade da Coruña para darlle a volta aos recortes que supoñen os orzamentos da Xunta do ano 2019

Centramos as nosas emendas aos orzamentos nas partidas en materia sanitaria e na rexeneración da Ría do Burgo, mais tamén para servizos sociais, ensino e educación, infraestruturas e emprego e industrialización, nomeadamente neste ultimo caso, para a defensa dos postos de traballo de Alcoa

Presentamos o venres 23 de novembro, diante do centro hospitalario Abente e Lago, as nosas propostas nunha rolda de prensa na que participaron a nosa deputada no Parlamento de Galiza Montse Prado e o noso candidato á alcaldía da Coruña Francisco Jorquera

Propostas de investimentos do BNG para a área da Coruña nos orzamentos da Xunta 2019

Este pasado venres 23 presentamos, nunha rolda de prensa (á que podes acceder desde esta páxina), as que serán as nosas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2019 centradas na comarca da Coruña.

Deste xeito, e por medio da nosa deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado, e do noso candidato a alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, avanzamos a nosa proposta de modificación dos orzamentos, no que ten que a ver coa comarca, de máis de 30 millón de euros en investimentos.

Así, en primeiro lugar, Francisco Jorquera lembrou a recente decisión de reabrir na Comisión de Peticións do Parlamento europeo o debate sobre a situación da Ría do Burgo, grazas ao labor da nosa europarlamentaria Ana Miranda, e insistiu na necesidade de dotar das partidas necesarias para a efectiva rexeneración dos bancos marisqueos, para axudas coma contraprestación nos períodos de paradas e mesmo para un plan apoio Recuperación e Promoción actividade marisqueira. Asemade denunciaba a situación actual a respecto da falta dun posto de control ao pé da propia ría, polo que propoñemos, a maiores dos investimentos antes relacionados, a inclusión dunha partida para a dotación desta instalación.

Un dos momentos da intervención de Francisco Jorquera na rolda de prensa

Por outra banda, a nosa deputada autonómica Montse Prado, centrou a súa intervención na situación sanitaria (de aí a convocatoria realizada aos medios diante do centro hospitalario Abente e Lago), tanto no pais como na comarca da Coruña, e denunciou o drástico desmantelamento que nos últimos dez anos vén sufrindo coincidindo coa chegada do Goberno do PP á Xunta.

Nesta área, incluímos propostas desde a recuperación de cadros de persoal, dotación de profesionais, investimentos en centros de saúde e investimentos máis xerais, que redunden nun sistema sanitario acaído ás circunstancias da comarca e de Galiza.

“Demandamos que existan os profesionais necesarios para unha atención consecuente ás necesidades da área sanitaria da Coruña, tanto para o persoal médico  de familia como para as especialidades, nomeadamente a pediatría, co obxecto de impedir situacións como as acontecidas neste pasado verán, onde centros de Oleiros e a Coruña non tiveron o servizo, ou, por poñer outro exemplo, a situación do COF do Ventorrillo, totalmente desmantelado. Coa sanidade non se xoga e entendémola como un servizo imprescindíbel”, argumentaba a nosa deputada Montse Prado.

Nesta liña, tamén indicou que propoñemos investimentos concretos para dúas actuacións na cidade da Coruña: recuperar os investimentos para o centro de saúde de Santa Lucía, cun proxecto en “stand by” debido aos posicionamentos encontrados entre o Concello da Coruña e a propia Xunta de Galiza, parálise que repercute de xeito directo na cidadanía e na veciñanza da contorna da Falperra; e a dotación orzamentaria para o pleno funcionamento do centro de saúde de Novo Mesoiro, con graves carencias de persoal, cun horario restrinxido só de mañá e mesmo cunha planta hoxe en día sen funcionamento, o que provoca que se estean derivando pacientes a o centro de Matogrande.

As compañeiras e compañeiros da comarca diante do Abente e Lago ao remate da rolda de prensa

Asemade, Montse tamén sinalou outras propostas de investimentos que queremos que sexan incluídas nos orzamentos, como puideran ser para os servizos sociais, neste caso con partidas para a rehabilitación do centro Santiago Apóstolo ou para a construción dunha residencia da terceira idade na propia cidade da Coruña, ou para a educación, dentro das partidas xenéricas para a reforma e obra maior en CEIP, ou particularmente coa inclusión dunha emenda por valor de 500.000 euros para actuacións de modernización do CEIP Curros Enríquez no barrio de Monte Alto da Coruña.

Por último, tamén destacan entre as nosas emendas unha partida que pretendemos que se inclúan nas contas do ano que ven, por valor de mais de 800.000 mil euros na defensa dos postos de traballo para Alcoa co obxecto de que se elabore unha proposta para a nacionalización de fábrica de aluminios da Coruña.

A Coruña, 23 de novembro de 2018.

Propostas de investimentos do BNG para a área da Coruña nos orzamentos da Xunta 2019