OS ROSAIS

Propostas de actuación para os Rosais

Momento da visita da nosa portavoz Avia Veira xunto con compañeiras e compañeiros do BNG e veciñanza
Momento da visita da nosa portavoz Avia Veira xunto con compañeiras e compañeiros do BNG e veciñanza

Presentamos unha batería de iniciativas e propostas tras a visita a este barrio

Percorremos a zona acompañados por varias veciñas e veciños que nos indicaron as principais necesidades e demandas da zona así como a necesaria rehabilitación integral de espazos, rúas e prazas

A visita permitiunos facer un chequeo a fondo dos Rosais e trasladarmos propostas de actuación inmediata: no que ten que a ver con infraestruturas, conservación de vías públicas, parques e xardíns, zonas de xogos e mesmo abandono de determinadas zonas e elementos; con medio ambiente, para a reposición de árbores na praza Elíptica e de actuación para evitar o espallamento do eucalipto no Monte de San Pedro; con deporte, para a reparación do polideportivo dos Rosais etc

Avanzamos xa que tras as visitas deste mes ao barrio da Agra, ao mercado de Santo Agostiño e ao barrio dos Rosais, xa comezamos a tomar boa nota das propostas de investimentos que se deben reservar para os barrios nos próximos orzamentos municipais de 2018

Propostas de actuación para os Rosais

Vimos de realizar unha visita ao barrio dos Rosais no que percorremos as súas rúas xunto con veciñanza da zona e na que recollemos as súas principais reivindicacións e necesidades así como demandas a respecto dunha rehabilitación integra de espazos, rúas e prazas.

Deste xeito, elaboramos toda unha serie de iniciativas e propostas das que xa demos traslado ao Concello da Coruña, por medio de preguntas para a súa contestación por escrito para o vindeiro Pleno ou por rogos de actuación con alternativas propositivas.

Así, e no relativo ás preguntas, entre outras, presentamos iniciativas para o arranxo de fochancas na pavimentación das rúas, a reposición de lombos circulatorios, o repintado da sinalización vertical, a retirada de elementos perigosos, como por exemplo un cadro eléctrico aparentemente abandonado na travesía dos Rosais, ou tamén a reparación das áreas infantís da praza Elíptica.

Lembramos que a reparación das áreas infantís na praza Elíptica era unha das intervencións urbanas que o concelleiro Xiao Varela anunciaba hai xa máis dun ano dentro das 57 actuacións a acometer pola súa área antes do remate de 2016. Non se realizou. En xaneiro xa preguntabamos por escrito por que non se fixera a actuación e prazos para executala, e, naquela altura, a resposta dada, sen máis explicacións, foi remitírmonos á páxina web que o Concello da Coruña ten habilitada para o seguimento das obras e actuacións. Nestes días, cando realizamos visita, volvémonos atopar con que esta intervención segue pendente, algo que cualificamos de intolerábel xa que entendemos que o mantemento e reparación do deterioro son actuacións ordinarias que un goberno municipal debe ter na súa axenda cotiá.

Zona de xogos infantís nas Roseiras pendente ainda de amaño

Por outra banda, tamén presentamos iniciativas para a área de Medio Ambiente. Neste caso, toda vez que no último Pleno ordinario foi aprobada unha moción para a erradicación do eucalipto no municipio, a proposta precisamente nosa, preguntamos sobre que medidas está tomando o Goberno a respecto do espallamento incontrolado da árbore en toda a contorna do Monte de San Pedro. E na praza Elíptica, asemade, achegamos un rogo para a reposición de árbores xa que logo a poda e corte da maioría de especies deixou a vista os alcorques onde estaban sen que se producira unha reposición de árbores.

A visita permitiunos facer un chequeo a fondo do barrio e trasladarmos propostas de actuación inmediata: no que ten que a ver con infraestruturas, conservación de vías públicas, parques e xardíns, zonas de xogos e mesmo abandono de determinadas zonas e elementos; con medio ambiente, para a reposición e árbores na praza Elíptica e de actuación para evitar o espallamento do eucalipto no Monte de San Pedro; con deporte, para a reparación do polideportivo dos Rosais etc.

Por último, xa avanzamos que tras as visitas deste mes ao barrio da Agra, ao mercado de Santo Agostiño e ao barrio dos Rosais, xa comezamos a tomar boa nota das propostas de investimentos que se deben reservar para os barrios nos próximos orzamentos municipais de 2018.

 

A Coruña, 1 de agosto de 2017