MEDIO AMBIENTE

Propoñemos no Parlamento galego afastar das vivendas o Tecor en Novo Mesoiro

Momento da intervención de Xosé Luis Rivas Mini no Parlamento de Galiza
Momento da intervención de Xosé Luis Rivas Mini no Parlamento de Galiza

O noso deputado Xosé Luis Rivas Mini tilda de “surrealista” que a Xunta tardase 12 anos para asumir afastar Novo Mesoiro da zona de caza que limita co barrio

Felicitámonos pola disposición da Xunta a atender a demanda da veciñanza, pero lamentamos que non actúe de oficio ante unha petición que é “de sentido común”

Propoñemos no Parlamento galego afastar das vivendas o Tecor en Novo Mesoiro

O noso deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas Mini cualificou de “surrealista” que a Xunta precisara máis dunha década para asumir que o barrio coruñés de Novo Mesoiro, con 9.000 residentes, debe ser afastado da zona de caza que limita con esta zona urbana, unha vella demanda da veciñanza e dos propios cazadores.

Mini, na súa intervención, que parte dela podes escoitar premendo neste enlace, ironizou atribuíndo ao “espírito transgresor do carnaval” o feito de que fose necesario doce anos e que o BNG tivese que formular unha interpelación parlamentaria para que o Goberno amose a súa disposición a mover os límites do Tecor, moi anterior á formación do barrio pero que a día de hoxe tamén é utilizado pola veciñanza como lugar de recreo.

Así lamentou que a Administración non teña actuado de oficio e que estea á espera de que haxa unha petición formal por parte dunha persoa física ou xurídica cando debería tomar a iniciativa “e indicarlle á asociación de veciños que fixera a solicitude o que demostra que faltaba vontade política para responder a esta demanda dos e das residentes".

O deputado coruñés invitou a actuar canto antes: "Hai que poñerse a iso porque clama ao ceo que en pleno século XXI un barrio de 9.000 habitantes estea nunha zona de caza”.

En todo caso, o deputado nacionalista da a benvida a disposición do Goberno da Xunta a atender a reclamación da veciñanza e afastar os límites do actual Tecor da zona urbana.

A Coruña, 1 de Marzo 2017

 

Noticias relacionadas: