A prioridade do PP nos orzamentos do Estado é Túnel da Mariña 9 - Ría do Burgo 0

A prioridade do PP nos orzamentos do Estado é Túnel da Mariña 9 - Ría do Burgo 0

A Coruña, 2 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera penoso que o Goberno do Sr. Negreira se felicite polos orzamentos xerais do Estado para 2014 cando certifican o abandono do Goberno central ao colectivo de mariscadoras, ao deixar sen un céntimo a ría do Burgo, cando deixan sen garantir a conexión ferroviaria ao porto exterior e cando supoñen unha rebaixa de case o 30% respecto dos orzamentos de 2013.

Así, as nacionalistas critican que o PP priorice nestes orzamentos xerais o túnel da Mariña, ao que destinaría case 9 millóns de euros (partida chamada “actuaciones en el puerto actual”), por riba da ría do Burgo, que volve quedar a 0. Nesta liña, lamentan que o Goberno municipal aplauda unhas contas que certifican a morte da ría do Burgo e que supoñen unha renuncia á creación de postos de traballo na nosa cidade e na comarca.

Tamén supón renunciar a crear emprego e riqueza deixar o porto exterior sen a conexión ferroviaria. E é que para que Punta Langosteira opere con normalidade e actúe como revulsivo da economía precisa desta infraestrutura. O propio presidente da Autoridade Portuaria ten afirmado que por carecer de conexión ferroviaria, o porto exterior perde potenciais clientes.

Por último, o Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do Sr. Negreira non debería presumir da terceira rolda cando estes orzamentos xerais confirman un novo atraso acumulado ás obras desta circunvalación. Mentres o alcalde anunciaba que a terceira rolda estaría rematada a finais de 2013, os orzamentos certifican que non rematará até o 2016.

A prioridade do PP nos orzamentos do Estado é Túnel da Mariña 9 - Ría do Burgo 0