O primeiro Pleno de 2021 respalda as tres mocións do BNG

Francisco Jorquera e Avia Veira nos seus escanos
O primeiro Pleno do Concello neste 2021 deu luz verde ás tres mocións formuladas polo grupo municipal do BNG, que versaban sobre a situación de Alu Ibérica, as demandas e problemas da veciñanza do barrio da Silva e a mellora do transporte público (con propostas tamén dirixidas a recoller reivindicacións do colectivo das persoas asalariadas do taxi).
O primeiro Pleno de 2021 respalda as tres mocións do BNG

As dúas primeiras mocións foron aprobadas por unanimidade, en tanto que a terceira colleitou os apoios do PSOE, Marea Atlántica e da concelleira non adscrita e só foi rexeitada polo grupo municipal do PP.

Na iniciativa sobre A Silva o BNG aceptou emendas propostas por Marea e PP, ao tempo que na do transporte público o texto que se someteu á votación foi resultado dunha transacción con Marea e PSOE.

Francisco Jorquera asumiu a defensa da primeira das tres mocións do BNG en ser debatida, a relativa á situación da antiga Alcoa na Coruña. O voceiro nacionalista -que comezou a súa intervención a se solidarizar co persoal da fábrica, en folga desde hai 20 días- lembrou que o Pleno da cámara municipal xa aprobara unha moción do Bloque sobre Alu Ibérica á altura do 14 de maio. “Volvemos sobre o asunto porque o futuro desta industria na cidade segue cheo de incertezas”, esclareceu.

A venda no seu momento da antiga Alcoa ao Grupo Riesco levantara moitas dúbidas nos traballadores pola pésima reputación da empresa. Infelizmente, os temores expresados polo persoal estanse a confirmar. “Até a Inspección de Traballo, nun informe do pasado mes de setembro, ten certificado a falta de ocupación efectiva e de investimentos na planta da Coruña”, argüíu Jorquera.

FJ 1

Non só é obvia a neglixencia empresarial á hora de garantir a continuidade da factoría, senón que a representación dos traballadores ten denunciado acosos e até despedimentos arbitrarios, razón pola que están en folga indefinida. Para o BNG, perante esta situación os poderes públicos están obrigados a tomaren cartas no asunto.

É por isto que a moción demanda do Goberno central e da Xunta que “estuden cantas alternativas sexan necesarias para asegurar a pervivencia da planta”, a teren en conta todos os escenarios posíbeis, desde unha “intervención temporal” até a incorporación ao sector público empresarial dunha empresa estratéxica para cidade e comarca.

A moción pon deberes concretos. Á Xunta, que investigue “a praxe laboral” da empresa, velando por que se respecten os dereitos dos traballadores. Á alcaldesa Jorquera demandoulle que se mova politicamente e “exerza un papel de liderado” perante o Estado e a Xunta “para garantir o futuro da fábrica”.

Jorquera concluíu que o que está en xogo non só son “os perto de 400 empregos directos e outros moitos indirectos”, mais tamén se A Coruña “ten ou non vocación industrial”. “Está en xogo”, recapitulou, “o futuro do sector secundario nesta comarca”.

O barrio da Silva

Sobre as necesidades e problemas da veciñanza do barrio da Silva pivotou a segunda das mocións do BNG, defendida neste caso por Avia Veira. “A Coruña”, dixo, “é unha cidade plural con barrios moi distintos entre eles. Esta variedade debémola ver como unha riqueza e debemos facer o posíbel para mantela”. En todo caso, o Concello tense que empregar a fondo para igualar a calidade de vida entre todos eles.

Os barrios pequenos, destacou, teñen que recibir unha atención por parte do Goberno Local da que historicamente non teñen gozado. Un deses barrios é precisamente o da Silva, que presenta carencias moi notábeis en servizos básicos, “das que nos deron conta as e os veciños nunha reunión en febreiro de 2020”, relatou.

As demandas son moi básicas: mobilidade a pé segura entre A Silva e O Ventorrillo, garantir a seguranza e a accesibilidade de vehículos de emerxencia, ben como a instalación dunha liña de fibra óptica para unha Internet de calidade ou unha rede de saneamento público en condicións.

avia 2

“Parece mentira que en pleno século XXI un barrio da nosa cidade non teña dotación de Internet cando hoxe en día é unha necesidade básica”, dixo Avia Veira, quen nesa dirección emprazou o Goberno Local a que traballe “para chegar a acordos con propietarios para que permitan a pasaxe da fibra”.

Canto á rede de sumidoiros, subliñou Veira que “é a propia administración local a que se debe pór mans á obra”.

De resto, as demandas veciñais básicas esténdense a reivindicacións tales como a mellora do centro cívico ou a dotación no barrio de zonas de recreo para crianzas con máquinas biosaudábeis para xentes de todas as idades.

Mellora do transporte público

A derradeira das mocións do BNG expúxoa Avia Veira perante o Pleno e gravitou arredor das mellores que cabe introducir no transporte público urbano e nas condicións laborais das persoas asalariadas no sector do taxi.

“A Coruña”, resaltou Veira, “esixe unha mudanza de modelo no transporte, para incentivar alternativas ao uso do coche particular ou para evitar que o recursos ao vehículo privado colapse a cidade”.

Indo ao concreto, subliñou a edil nacionalista que son tarefas inadiábeis a reordenación das liñas de autobuses, con conexións axeitadas con polígonos industriais, centros de ensino ou sanitarios, ben como a modificación dos horarios para atenderen as necesidades das persoas que entran cedo de mañá ou saen de noite do traballo.

Concede Avia Veira que a política de mobilidade no Concello está lastrada por unha circunstancia, a de a vixente concesión do transporte urbano á Compañía de Tranvías non caducar até 2024, mais iso non pode ser unha coartada para a inacción. O Goberno Local, apostilou, ten ferramentas máis que de abondo para introducir melloras na rede.

Hai, claro, unha dimensión metropolitana deste fenómeno e por iso, engadiu, “cómpre avanzarmos cara a un sistema de transporte integrado no conxunto da comarca e impulsarmos a concertación de políticas a través da Autoridade Única de Transporte Metropolitana”, defendeu Veira.

De por parte, a moción recollía tamén demandas do colectivo de asalariados do taxi, cos que o BNG mantivo contactos directos, e así Avia Veira avogou pola creación dunha mesa tripartita (Concello, organizacións patronais, sindicatos) para regular o sector, ben como o estabelecimento dun día de descanso semanal obrigatorio por vehículo.

 

 

O primeiro Pleno de 2021 respalda as tres mocións do BNG