MOBILIDADE

Preguntamos polo asolagamento de varios tramos do carril bici

É inxustificado que un carril implementado recentemente, ou en proceso de implementación, quede totalmente inutilizado coa choiva e impracticábel precisamente para os vehículos para os que está deseñado

Sinalabamos no seu momento que a articulación do carril bici se facía sobre un modelo que segue a primar a circulación do vehículo privado, por tanto, sobre calzadas que non están adaptadas; non chega con sinalizar horizontalmente e colocar bolardos reservando espazos. Insistimos en que se cambie o concepto global sobre o que traballa o Goberno municipal en mobilidade e se tomen medidas concretas cara un novo modelo, comezando por un transporte público útil, por espazo público accesíbel para os peóns, por modernizar a ordenanza de circulación, por poñer en marcha campañas de concienciación e por outras medidas complementarias

Video do asolagamento do carril bici vía Asociación de Ciclistas "Crunia"

Preguntamos polo asolagamento de varios tramos do carril bici

Vimos de presentar unha iniciativa (que podes descargar premendo aquí) solicitando aclaracións ao Goberno municipal a respecto do asolagamento de varios tramos do carril bici nas zonas de Linares Rivas e Praza de Ourense, despois das choivas producidas esta mañá.

Consideramos inxustificado que un carril implementado recentemente, ou en proceso de implementación, quede totalmente inutilizado coa choiva e impracticábel precisamente para os vehículos para os que está deseñado.

Entendemos que unha das actuacións, que están sendo vendida como unha actuación “estrela” da Área de Mobilidade Sostíbel, aínda que se está realizando sen consensuar coas entidades representativas do sector, non poida ser empregada cando se dan situacións climatolóxicas habituais na cidade.

Neste sentido, insistimos en reclamar que se entenda que é o modelo existente hoxe en día o que debe ser cambiado, e que a implementación de actuacións puntuais illadas dunha actuación global e integral, neste caso a habilitación que se está facendo dos distintos tramos do carril bici, non solucionan o problema de mobilidade que ten A Coruña.

Sinalabamos no seu momento que a articulación do carril bici se facía sobre un modelo que segue a primar a circulación do vehículo privado, por tanto, sobre calzadas que non están adaptadas; non chega con sinalizar horizontalmente e colocar bolardos reservando espazos. Insistimos en que se cambie o concepto global sobre o que traballa o Goberno municipal en mobilidade e se tomen medidas concretas cara un novo modelo, comezando por un transporte público útil, por espazo público accesíbel para os peóns, por modernizar a ordenanza de circulación, por poñer en marcha campañas de concienciación e por outras medidas complementarias. 

A Coruña, 18 de decembro de 2018.