O PP veta a moción do BNG contra a impunidade da marea negra do Prestige

O PP veta a moción do BNG contra a impunidade da marea negra do Prestige

NUNCA MAIS webA Coruña, 18 de novembro de 2013.- O Partido Popular vetou a moción do BNG sobre a necesidade de evitar a impunidade da marea negra do Prestige, recorrendo ao Tribunal Supremo, e sobre a transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza, unha moción que o Sr. Negreira non permitiu nin sequera debater na sesión plenaria desta mañá (podes descargala nesta ligazón).

O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, pon de manifesto que “o veto do Partido Popular á moción do BNG evidencia que ao PP lle encanta a sentenza e que nin lle desconcerta nin lle sorprende nin lle indigna”. Cada forza política, advirte Carril, escolle as compañías que quere e o PP, co veto a esta moción, ponse de lado dos piratas, dos incompetentes e dos irresponsábeis. Ademais, o portavoz do BNG sinala que o alcalde, Carlos Negreira, fai todo o contrario do que di: en declaracións aos medios di sentirse indignado pola sentenza, mais, na sesión plenaria, veta a moción do BNG.

O BNG pedía na moción que as forzas políticas apartasen as diferenzas e advertisen da necesidade de evitar a impunidade da marea negra do Prestige

Na moción, o Grupo Municipal do BNG pedía que as forzas políticas apartasen as diferenzas e aprobasen por unanimidade a moción que, en primeiro lugar, solicitaba “amosar a noso desconcerto porque a peor catástrofe ambiental de Galiza péchase, polo de agora, sen culpábeis e sen responsabilidades. Mais tamén a nosa decepción porque, de haber outra catástrofe no futuro, os piratas, os incompetentes e os irresponsábeis poderían quedar impunes de novo”.

En segundo lugar, a moción do BNG instaba a “solicitarlle ao Ministerio Fiscal e á Xunta de Galiza que presenten diante do Tribunal Supremo un recurso de casación contra a sentenza do Prestige, fallada pola Audiencia Provincial da Coruña, dado que existen as razóns e os supostos de feito e de Dereito para recorrer”.

En terceiro lugar, a moción emprazaba a Corporación a “solicitarlle ao Goberno do Estado que promova as medidas necesarias para denunciar os convenios internacionais asinados polo Estado español en materia de indemnización por danos, especialmente o relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos, e que aposte aquí por unha nova lexislación asentada na principio de responsabilidade solidaria e ilimitada tanto dos causantes do dano como dos seus beneficiarios”.

En cuarto lugar, o BNG reivindicaba na moción instar “a Xunta de Galiza a que demande do Estado español a transferencia das competencias para o control e inspección dos barcos que recalan nos portos galegos e dos que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra, para poder aplicar unha política preventiva no transporte marítimo de mercadorías perigosas, ademais da competencia inherente ao salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña nas costas de Galiza”.

E en quinto lugar, a iniciativa das nacionalistas chamaba a apoiar “as mobilizacións en contra da impunidade dos responsábeis da marea negra do Prestige e en demanda da transferencia de competencias á Galiza nesta materia”.

Ademais, o BNG pedía “enviarlles este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno do Estado, aos grupos do Parlamento galego e ao Ministerio Fiscal”.

De non corrixirse a sentenza, quedarían impunes tanto os autores da marea negra como os seus responsábeis políticos

Na exposición de motivos, o BNG sinalaba que o sinistro do Prestige mostrou o problema da seguridade do tráfico marítimo que circula polo corredor de Fisterra e ameaza as costas galegas. Por desgraza hoxe, coa sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña, no caso de que o Tribunal Supremo non corrixa o seu fallo, quedarían impunes tanto os autores da marea negra como os seus responsábeis políticos, engade a moción.

A pesar de o litoral de Galiza ser o máis afectado do mundo pola contaminación derivada de accidentes marítimos destas características, pois nos últimos 43 anos houbo catro buques que provocaron importantes verteduras de hidrocarburos ao mar (Polycommander, Urquiola, Aegean Sea, Prestige), aos que se lles deben sumar outros sinistros en que tamén houbo unha importante contaminación mariña polas verteduras de produtos altamente contaminantes (Erkowitz, Cason), a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña permite, despois de 11 anos, a pervivencia desta situación de risco e a impunidade manifesta dos responsábeis, expuña o BNG na súa inciativa.

O BNG advirtiu na moción de que aínda se está a tempo de corrixir esta situación, tendo en conta que contra a esta sentenza da Audiencia Provincial da Coruña cabe interpoñer un recurso de casación perante o Tribunal Supremo. E dado que existen as razóns e os supostos de feito e de Dereito para recorrer, o Ministerio Fiscal e a Xunta de Galiza, personadas xunto con outras entidades como acusación, deberían presentan no Tribunal Supremo o correspondente recurso de casación contra a sentenza citada, afirmaba a iniciativa.

Ademais, as nacionalistas sinalaban na moción que a sentenza deixa sen prexulgar a acción civil, de modo que a tutela por parte dos tribunais desta xurisdición está por decidir, malia que as indemnizacións por danos están limitadas polos convenios internacionais asinados polo Estado español, especialmente o relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos. Deste xeito, na práctica, a maior parte do dano debería ser asumido por quen sufriu o dano ou os pagos. A non modificación deste sistema de responsabilidade civil supón que siga recaendo sobre as vítimas o pago do dano provocado por hidrocarburos, a pesar de constituír un risco do que só se benefician as empresas petroleiras e cuxa materialización non só sufrimos senón que tamén pagamos. Por iso, cómpre tamén a denuncia de tales convenios internacionais e apostar por unha nova lexislación asentada no principio de responsabilidade solidaria e ilimitada tanto dos causantes do dano como os seus beneficiarios. Alén de ser máis xusto, suporía igualmente aumentar a seguridade e a prevención de sinistros como o do Prestige.

Por último, a moción do BNG dicía que o desastre do Prestige evidencia igualmente como o Estado continúa controlando os dispositivos de transporte de mercadorías perigosas por mar nas costas galegas, impedindo que Galiza poida facelo en porto e en tránsito mais tamén que os medios de salvamento e prevención de catástrofes ambientais despregados nas nosas costas non son suficientes e adecuados para encarar situacións de risco ou combater a ameaza da contaminación. Cómpre transferir as competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes no mar á Xunta de Galiza para protexer os intereses dos galegos e galegas vinculadas directamente á actividade pesqueira no mar, que constitúe unha fonte de riqueza de moitas comarcas costeiras de Galiza, concluía a exposición de motivos.

O PP tamén tomba a moción para frear a venda de Novagalicia banco e a moción para acabar co copago nos medicamentos de enfermos graves e crónicos

O PP tamén tombou a moción presentada polo BNG para paralizar o proceso de venda de Novagalicia banco; para desenvolver as leis necesarias para considerar NCG banco unha entidade sistémica galega, co fin de que, cara ao futuro, se mantivese como entidade independente e con capacidade de decisión propia; para defender a permanencia de NCG como entidade financeira galega independente e para estudar a posibilidade de transformala nun banco público galego. Ademais, as nacionalistas pedían que o Pleno da Corporación se opuxer a calquera tentativa de venda de NCG a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galiza.

O Goberno do Sr. Negreira tampouco permitiu o debate da moción presentada polo BNG para acabar co copago en medicamentos de enfermos graves e crónicos.

Rogo oral do BNG contra a violencia de xénero

Amais destas tres mocións, o Grupo Municipal do BNG formulou, en pleno, un rogo oral contra a violencia de xénero e contra os recortes das vítimas que sofren esta lacra.