ISOWAT

Pola defensa dos postos de traballo e en contra do desmantelamento industrial da Coruña: non ao peche de Alcoa e Isowat

Concentración en María Pita en defensa dos postos de traballo de Alcoa celebrada na Coruña o 17.11.2018
Concentración en María Pita en defensa dos postos de traballo de Alcoa celebrada na Coruña o 17.11.2018

Desde o BNG cremos firmemente que hai que defender o futuro do sector industrial na nosa cidade en conxunto: hoxe ademais dos 400 empregos en xogo na planta de Alcoa, hai 85 familias que dependen da continuidade da factoría Isowat”

Denuciamos o saqueo sistemático que sufriu a antiga Isolux Galicia e salienta que se trata dunha planta altamente rendíbel, que recibiu cartos públicos en axudas, con carga de traballo para os vindeiros anos, pioneira tanto pola formación e experiencia do seu cadro de persoal como pola súas patentes grazas ás cales os seus produtos son solicitados internacionalmente

Levaremos ao Pleno do mes de decembro unha moción que rexistraremos nos vindeiros días para que a Corporación faga fronte común en defensa dos 85 empregados e empregadas que hoxe en día levan seis meses sen cobrar pola situación económica de Isowat

Pola defensa dos postos de traballo e en contra do desmantelamento industrial da Coruña: non ao peche de Alcoa e Isowat

O noso tándem que encabeza a candidatura para as eleccións municipais do vindeiro ano, formado por Francisco Jorquera e Avia Veira, que onte se xuntou co Comité de Empresa de Isowat e que vén de participar na concentración convocada polas traballadoras e polos traballadores de Alcoa da Coruña desta mañá, entende que é imprescindíbel defender o futuro do sector industrial da nosa cidade en conxunto porque hoxe en día ademais de perigaren os 400 empregos da planta de Alcoa, hai 85 familias que dependen da continuidade da factoría Isowat.

A empresa está en concurso de acredores porque o que se produciu desde que a actual propietaria adquirise Isolux Galicia foi un “saqueo sistemático”, tal e como sinala o informe concursal. Falamos dunha planta altamente rendíbel, que recibiu cartos públicos en axudas, con carga de traballo para os vindeiros anos, pioneira tanto pola formación e experiencia do seu cadro de persoal como pola súas patentes grazas ás cales os seus produtos son solicitados internacionalmente.

Momento da reunión coa representación das traballadoras e dos traballadores de Isowat con Francisco Jorquera e Avia Veira

O noso candidato á Alcaldía da Coruña insistiu na xuntanza na necesidade de contarmos na cidade e no país cun sector industrial forte e que as Administracións públicas, cos seus gobernos á fronte a comezar polo municipal, temos que ofrecer solucións para evitar a desertización industrial do noso país e particularmente da nosa cidade. É insostíbel unha economía exclusivamente de servizos, detrás ten que haber necesariamente un sector industrial, que ademais é o que habitualmente ofrece empregos de calidade.

Defendemos que o sector enerxético, que ten inzado o país instalacións para o aproveitamento dos nosos recursos nesta materia, ten que realizar un retorno para o noso país e, un exemplo máis, é esta fábrica que ten carga de traballo abondo no sector das enerxías, nomeadamente as renovábeis.

Por último, avanzamos que na vindeira semana rexistraremos unha moción para que a Corporación faga fronte común en defensa dos 85 empregados e empregadas que hoxe en día levan seis meses sen cobrar pola situación económica de Isowat e que nela pedirán que se pendure unha pancarta na fachada do Concello que rece “Polo mantemento do emprego industrial: Alcoa e Isowat.

A Coruña, 17 de novembro de 2018.