SOBRE A PROTECCIÓN PARA O SECTOR DO MAR, A NORMALIZACIÓN DO GALEGO E O COMEZO DO CURSO

O Pleno de xuño aproba as tres mocións do BNG

pleno xuño
O pleno ordinario do Concello da Coruña deu luz verde este xoves ás tres mocións formuladas polo grupo municipal do BNG que pivotaban sobre medidas de protección para o sector do mar, normalización lingüística e necesaria planificación por parte da Xunta do vindeiro curso académico.
O Pleno de xuño aproba as tres mocións do BNG

A moción sobre o sector do mar –coa que o BNG instaba a Xunta a que solucionase o conflito entre bateeiros e percebeiros- foi aprobada cos votos a favor de PSOE, Marea Atlántica e Grupo Mixto e a abstención do PP. A iniciativa arredor da lingua galega colleitou o apoio do PSOE e da Marea Atlántica e a abstención do Grupo Mixto, en tanto que o PP optou polo voto en contra, mentres que a moción sobre o ensino foi respaldada por PSOE, Marea Atlántica e Grupo Mixto e rexeitada polas bancadas do PP.

Moción sobre medidas para o sector do mar

“A pesca é parte fundamental da historia e identidade desta cidade. De feito, o casco vello extramuros chámase A Pescaría”, indicou Francisco Jorquera no inicio da súa intervención. “Aínda hoxe”, engadiu, “a pesca e todas as actividades derivadas é un dos motores económicos” da Coruña.

A moción gravitaba arredor de dous aspectos. O primeiro, demandar da Xunta de Galiza que impulse “medidas para facer fronte ás consecuencias socio-económicas da crise do sector”, producida polo impacto da Covid-19. O segundo, urxir o Goberno galego a que “exerza as súas responsabilidades ante o conflito” entre bateeiros e percebeiros.

A pandemia causou unha brutal caída dos prezos dos produtos do mar ao terse producido o peche dos estabelecimentos de restauración e hostelaría, relatou Jorquera, para quen nese contexto a Xunta cometeu o erro de non decretar o cesamento de actividade, cousa que si fixo o Principado de Asturias. “Como é costume, a Xunta preferiu non facer nada”, dixo. As consecuencias foron dramáticas: “O devalo de ingresos provocado por esta situación está a pór en risco o futuro de moitas familias”.

 

FJ“Pensemos, por exemplo, nas mariscadoras e mariscadores. As persoas que forman parte deste colectivo na súa inmensa maioría teñen rendas baixas, sen apenas aforros, polos que lles é practicamente imposíbel, sen ingresos, afrontaren pagamentos como as cotas da Seguridade Social e atender as súas necesidades básicas”, relatou.

É por todo isto que cómpre que desde a Xunta se despreguen accións de apoio ao sector e se adopten tamén medidas que garantan a protección dos traballadores do mar, que non sempre poden realizar a actividade extractiva dun xeito seguro para a súa saúde.

Canto ao conflito entre bateeiros e perceiros, Jorquera salientou que no caso concreto da Coruña dáse a circunstancia de que se está a extraer mexilla “en zonas como as Illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules, declaradas Espazos Naturais de Interese Local”.

Até o de agora a Xunta, denunciou Jorquera, apenas fixo outra cousa que “lavar as mans”. “Mais neste caso o que se necesita non é que lave as mans O que se necesita é que asuma as súas responsabilidades”. E alertou de que “non abonda con solucións momentáneas”, senón que a Xunta “ten que estabelecer un modelo de aproveitamento da cría de mexillón que delimite a época, forma e zonas nas que se pode proceder á súa extracción, sen poñer en risco o percebe”.

Moción sobre a normalización do galego

Non temos aínda garantido o dereito a vivirmos plenamente en galego na Galiza. Esa idea vertebrou a intervención de Avia Veira en defensa da segunda das mocións que o BNG levou a este Pleno de xuño. “A día de hoxe”, relatou, “constátanse importantes vulneracións á legalidade vixente que vén estabelecida en normas como o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística ou a Carta Europea de Linguas Minoritarias”.

Considerou Veira que “a política lingüística” dos sucesivos gobernos do PP, lonxe de iren na dirección correcta, teñen resultado nun retroceso obxectivamente observábel da lingua galega. “En 2008 28 por cento das crianzas aprendían a falar en galego. En 2018 esa cifra minguara até se situar no 18%”, pormenorizou.

E non é só produto do chamado decretazo, norma do primeiro Goberno Feixóo que “prohíbe dar certas materias no idioma propia do país”, senón que tamén ten que ver cunha actitude política permanente do PP, como se ten visto durante a pandemia da Covid-19, cun Núñez Feixóo que facía ostentación do uso do castelán nas súas comparecencias na TVG, denuncia a concelleira nacionalista.

Avia 2Políticas contrarias ao galego que teñen tamén tradución orzamentaria: “As políticas de fomento da lingua galega apenas superan os 8,5 millóns de euros cando en 2008 se destinaban 23 millóns de euros”.

A moción pretendía, por tanto, o acordo da Corporación para instar a Xunta a que modifique de raíz a súa política lingüística, mais tamén o respaldo dos outros grupos municipais para o Pleno instar o Goberno Local a realizar campañas de dinamización lingüística e promoción do uso da lingua galega, dirixidas a diferentes sectores sociais, con especial incidencia na infancia e na mocidade.

Moción sobre a planificación do vindeiro curso académico

A terceira e última moción do BNG neste pleno puña o foco no vindeiro curso académico e no desleixo da Xunta á hora de o planificar. Unha falta de dilixencia que resulta no desamparo no que se acha o colectivo docente. O profesorado, no canto de ver a aplicación de medidas firmes e executivas, o único que recibe do Goberno galego son “indicacións difusas da Consellaría de Educación”, censurou Avia Veira.

A Xunta limitouse a “botar balóns fóra” e a culpar de todo ao Ministerio de Educación sen tomar en conta que súas son as competencias exclusivas nesta materia. “Non tomou ningunha decisión para axudar as familias, as nenas e nenos, a mocidade, nin durante o confinamento nin durante o desconfinamento educativo”, criticou.

Fronte á fenda dixital e a fenda de clase –as familias con máis recursos capearon mellor o temporal- a Xunta apenas fixo nada. Canto ás carencias en materia telemática limitouse a repartir “1.000 ordenadores portátiles”, unha cantidade obviamente insuficiente para garantir unha cobertura universal.

A resultante final é que a apenas tres meses do comezo do curso académico nada sabemos en concreto sobre como vai ser este, o que contrasta coa dilixencia coa que si se nos informou do calendario da Liga de Fútbol Profesional ou de como e cando podíamos ir de cañas ás terrazas. “Feixóo falou máis das verbenas do que do calendario e desenvolvemento do vindeiro curso académico”, denunciou.

É por iso que coa moción o BNG insta a Xunta a que planifique xa o curso, incremente o cadro de profesores e profesoras, diminúa a fenda dixital e contemple todos os escenarios, desde o preferente ensino presencial até a docencia on line.

 

O Pleno de xuño aproba as tres mocións do BNG