PLENO DO 5M

O Pleno aproba as nosas mocións sobre as gardas 24 h nos xulgados, o 8M e a ampliación do CHUAC

Salón de plenos de María Pita
Salón de plenos de María Pita
O Pleno do Concello da Coruña aprobou este xoves 5M as tres mocións a debate do BNG, iniciativas arredor da inexistencia do servizo de gardas de 24 horas nos xulgados de instrución coruñeses, as demandas feministas do 8M e as necesidades sanitarias da cidade.
O Pleno aproba as nosas mocións sobre as gardas 24 h nos xulgados, o 8M e a ampliación do CHUAC

En concreto, a primeira das mocións, a relativa a dotación de servizos de gardas nos xulgados de instrución, defendida por Francisco Jorquera, obtivo o apoio do PSdeG-PSOE, a Marea Atlántica e Ciudadanos, en tanto que o grupo municipal do PP optou pola abstención.

Canto á segunda das mocións, que gravitaba arredor do proxecto de ampliación do CHUAC, tamén exposta perante o Pleno por Jorquera, conseguiu o apoio de PSdeG-PSOE, Marea e Cs e contou coa oposición do PP.
Por último, a moción sobre o xa inminente 8M, desta volta defendida por Avia Veira, foi votada favorabelmente por PSdeG-PSOE, Marea e Cs e colleitou a abstención do PP.

Servizo de garda de 24 horas

A habilitación dun servizo de garda de 24 horas nos xulgados de instrución da Coruña é “unha demanda compartida por todos os estamentos xudiciais”, remarcou o voceiro do BNG, Francisco Jorquera. É algo máis, é “unha demanda de cidade”.  E non alcanzou a condición de Declaración Institucional do Concello porque ese texto conxunto de todos os grupos foi en última instancia bloqueado polo PP “con desculpas, nunca mellor dito, de mal pagador”, ironizou Jorquera.

Denunciou o portavoz nacionalista que “A Coruña e Vigo son, no conxunto do territorio do Estado español, os únicos partidos xudiciais con 8 ou máis xulgados de instrución que non teñen gardas de 24 horas”. E iso a pesar de que “no caso coruñés a poboación do Partido Xudicial é superior en 30.000 habitantes á do Partido Xudicial de Córdoba”, o cal, porén, si dispón dese servizo.

FJPero é que resulta que a Xunta de Xuíces e a Sala de Goberno do Tribunal de Xustiza de Galiza emitiron informes favorábeis á habilitación das gardas de 24 horas.

Daquela? Daquela o que falta é o preceptivo informe favorábel por parte do Goberno galego. Como este non existe, en puridade podemos dicir que a Xunta bloquea a posta en práctica deste servizo.

“Cando intentamos consensuar unha declaración institucional, a razón que deu o Partido Popular para a bloquear é que a Xunta fixera unha segunda solicitude de aclaracións ao Ministerio de Xustiza e estaba pendente de resposta”, esclarece Jorquera. “Moito me temo que se non muda o goberno o 5A cando chegue a resposta haberá unha terceira solicitude de aclaracións por parte da Xunta”, esténdese o voceiro nacionalista.

En definitiva, conclúe, “a cuestión é sinxela, non é un problema de aclaracións, é un problema de recursos. E a Xunta non os quere asignar para mellorar a prestación do servizo”.

Moción sobre as necesidades sanitarias da Coruña

A segunda das mocións en ser debatida defendeuna tamén Jorquera, quen focalizou a súa intervención no anuncio feito polo “aínda presidente da Xunta” arredor do que, de acreditarmos na súa versión, vai ser “o novo Hospital da Coruña”, en realidade unha ampliación do anterior.

Estaríamos -dixo botando man dunha expresión “da miña compañeira Avia Veira”- non diante un “hospital espello”, senón diante dun “hospital cortina de fume”.

“Cortina de fume porque o único que se fixo foi unha presentación virtual, sen un proxecto redactado, nin un calendario e uns compromisos de investimento orzamentados”, dixo Jorquera, quen criticou que “por non haber non houbo nin diálogo previo e a veciñanza da contorna tivo que coñecer o asunto pola prensa”.

Cortina de fume porque no actual CHUAC aínda hai plantas enteiras por acondicionar, porque no verán se fechan por volta de 300 camas nese hospital e porque aínda ten por desenvolver 35 por cento do seu plano director. E, por se ficaba algunha dúbida sobre a vontade política do Goberno Galego de lle dar impulso a este proxecto, referiu Jorquera que “nos orzamentos da Xunta para 2020 apenas hai unha dotación de 2 millóns de euros, totalmente insuficiente para atender as necesidades do hospital e as previsións do propio Plan Director”.

En realidade, a ampliación do CHUAC o que agacha é a vontade da Xunta de Feixóo de “incidir nun modelo erróneo, baseado na hospitalización e non na mellora da atención primaria”. O obxectivo: facer macro-hospitais, “como pretexto para dar negocio ás construtoras ou recorrer ao modelo concesional como se fixo co Álvaro Cunqueiro de Vigo”.

A moción do BNG, en troca, o que propón é completar o proceso de reforma do actual hospital antes de acometer novas ampliacións, reverter os recortes introducidos polos sucesivos gobernos do PP desde 2009, garantir a titularidade e xestión pública do denominado “novo Chuac” e estudar  hipotéticas ampliacións futuras que “eviten ou minimicen o seu impacto” en termos de expropiacións.

Moción sobre o 8M

Avia Veira tomou a palabra para defender a moción do BNG arredor das demandas do movemento feminista co xa inminente 8M na axenda. Salientou a concelleira nacionalista que o “feminismo galego auto-centrado” convoca este ano mobilizacións baixo o lema “Sen coidados non hai vida, mudando o Sistema, derrubando o Patriarcado”.

Os coidados no “centro do debate”, e non só coidados, tamén as secuelas negativas que para as mulleres se derivan da súa inserción subordinada nun sistema económico, social e político patriarcal que só sobrevive grazas ao traballo feminino invisibilizado .

 

AVIA“Hoxe no noso país temos, malia que é ilegal, unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres, que se dá tamén nas pensións de xubilación en máis de 400 euros”, pormenizou Avia Veira, quen puxo en destaque que “os coidados de maiores e crianzas recaen maioritariamente nas mulleres, as que continúan a ser con moito as que máis horas das súas vidas invisten nestes ámbitos”.

Cómpre tornar visíbel o traballo feminino. O sistema económico que oprime as mulleres sería “insostíbel sen esa achega non remunerada que lle regala a vixencia do sistema patriarcal”. O valor xerado polas actividades no ámbito doméstico “representaría 50,6 por cento do PIB de Galiza segundo a última conta satélite publicada no ano 2013 a respecto de 2010 e con base 2008”.

Este 8M, recapitulou Veira, “é ben recoñecermos o traballo do feminismo e contribuír desde o Concello a combater a precarización de servizos de coidados, ocupados maioritariamente por mulleres”.

O Pleno aproba as nosas mocións sobre as gardas 24 h nos xulgados, o 8M e a ampliación do CHUAC