ACCESIBILIDADE

A Pleno a accesibilidade na contorna da rúa Mercé

Rúa Mercé a altura da escalinata de Laureano Mediante
Rúa Mercé a altura da escalinata de Laureano Mediante

Preguntaremos por escrito no próximo Pleno sobre as actuacións previstas polo Goberno local nesta zona dos Castros

Non só no centro existen problemas de accesibilidade; para os barrios tamén son necesarias ramplas, escaleiras mecánicas, ascensores e calquera outra actuación que mellore a accesibilidade e que cómpre sexan intervencións que se entendan prioritarias

A Pleno a accesibilidade na contorna da rúa Mercé

Presentamos unha iniciativa (podes vela aquí) para o vindeiro Pleno de xuño interesándonos pola accesibilidade na contorna da rúa da Mercé, trasladando así a preocupación que ten amosado a veciñanza na zona nestes últimos anos.

Deste xeito, trasladamos varias preguntas para a súa resposta por escrito, recollendo as propostas que asociación veciñal Oza–Gaiteira–Os Castros ten presentado en numerosas ocasións no Concello, solicitando a que se procedera a elaborar un estudo sobre a mellor forma de acometer esta actuación e os lugares mellor situados para a intervención, así como a proposta de instalar, entre a avenida de Oza e a rúa da Mercé, ramplas que permitisen salvar o desnivel entre ambas rúas, xa que logo entenden que esta mellora ademais de redundar na accesibilidade tamén o faría no pequeno comercio ao facilitar o acceso aos establecementos da zona, en xeral, á zona das galerías comerciais situadas entre ambas rúas, en particular.

Para nós, as rúas que estarían dentro de este estudo para a mellora da accesibilidade serían, nomeadamente, a rúa Mercé, rúa Juan Montes, rúa Laureano Mediante, rúa Vaamonde Lorez, rúa alcalde Casares Queijeiro, rúa Antonio Ríos e avenida de Oza, entre outras de toda esta zona dos Castros.

Así mesmo, tamén entendemos que o goberno municipal debe chegar aos entendementos necesarios cos propietarios das galerías para facilitar estas melloras aproveitando as súas instalacións, e preguntamos se se ten realizado algún tipo de estudo sobre a accesibilidade nas zonas indicadas, se se ten pensado realizar algunha actuación ou intervención concreta a respecto da accesibilidade durante os próximos meses e, se non existe esta previsión, demandamos do Executivo local dea as explicacións do por que.

Non só no centro existen problemas de accesibilidade; para os barrios tamén son necesarias ramplas, escaleiras mecánicas, ascensores e calquera outra actuación que mellore a accesibilidade e que cómpre sexan intervencións que se entendan prioritarias.

A Coruña, a 18 de maio de 2017