A “película” que nos ten montado o PP na Coruña

A “película” que nos ten montado o PP na Coruña

72.000 euros para o festival intranscendente CORUÑA FILMS mentres se cancela a Mostra de Ciencia e Cinema que tivo en outubro de 2011 a súa última edición

O ano pasado realizouno a empresa madrileña Notodo Club, aínda que non presentou  compromiso de participación dos creadores relacionados na súa proposta

O Grupo Municipal do BNG denuncia que por segundo ano consecutivo o Concello da Coruña saca a concurso negociado sen publicidade o FESTIVAL CORUÑA FILMS por 72.000 euros. E por segundo ano consecutivo daráselle á empresa madrileña Notodo Club de Selección Cultural, vinculada á empresa de xestión cultural La Fábrica. E por segundo ano faráselle traballar en balde a algunha empresa galega para cumprir o paripé de que se escolle o máis axeitado.

No canto de reforzar as actividades cinematográficas que xa existían, unha a Mostra de Ciencia e Cinema que tivo en outubro de 2011 a súa última edición e outra que aínda se mantén, o S8, o Goberno do Partido Popular empregará unha avultada suma de diñeiro neste Festival CORUÑA FILMS mentres mantén nun contexto de debilidade orzamentaria, as bibliotecas e outras actividades culturais, sen esquecer o escasísimo eco da primeira edición, en absoluto proporcional aos recursos empregados.

72.000 € por procedemento negociado sen publicidade

Logo da primeira edición celebrada o ano pasado no mes de outubro, o BNG tivo acceso ao expediente desa contratación. Convidouse á empresa galega Producións e Xestións Cultural SL que presentou un proxecto que o Goberno Municipal desbotou antes da apertura da plica coa oferta económica e isto sucedeu así porque se lle deu a Notodo Club a puntuación máxima (10 puntos) pola proposta de programación, aínda que se recoñecía no informe (asinado pola Xefa de Servizo co visto e prace da Concelleira) que “Ningunha de las ofertas incluye compromiso de participación de los creadores relacionados” aspecto este que aparecía expresamente recollido no prego de prescricións técnicas:  Proposta de programación, valorando  a proposta de estrutura de actividades e a calidade e traxectoria dos expertos participantes, cando se acredite un compromiso de participación…….Até 10 puntos. Mais cumpría deixala fóra para poder despois afirmar que a oferta presentada por Notodo Club, de 71.995 euros, era a máis vantaxosa (?!) A máis e a menos!, xa que foi a única que se abriu.

Así mentres A Coruña tiña dous Festivais de cinema que comezaban a facerse visíbeis, o S8 e a Mostra de Ciencia e Cinema e que era preciso consolidar, este Goberno decide facer desaparecer a Mostra. Un festival realizado pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Un festival único, especializado, que permitiu ver na Coruña algúns dos filmes contemporáneos máis destacados que exploran o espazo compartido entre a ciencia e o cinema e que non é posíbel ver en salas comerciais. Moitos dos filmes que pasaron pola Mostra foron estreas no Estado español, por exemplo DOUBLE TIDE de Sharon Lockhart, autora de culto, ou THE YELLOW BANK de J. P. Sniadecki, ou o de Dana Ranga (COSMONAUT POLYAKOV). Foron exhibidos na competición filmes de: Patricio Guzmán (NOSTALGIA DE LA LUZ), Nicolas Philibert (NENETTE), Barbara Hammer (AHORSE IS NOT A METAPHOR), José Luis Torres Leiva (TRES SEMANAS DESPUÉS), J. P. Sniadecki (THE YELLOW BANK), Graça Castanheira (ANGST), Dana Ranga (COSMONAUT POLYAKOV)... realizáronse ciclos como  SENSE AND SENSIBILIA, comisariado por Lucien Castaing-Taylor e Ilisa Barbash, coa colaboración do Film Study Center e Sensory Etnography Lab da Universidade de Harvard… Grazas á Mostra á Coruña chegaron cineastas convidados como Barbara Hammer (2009); Lucien Castaing-Taylor, director do Film Study Center de Harvard, e Ilisa Barbash (2010); Bill Morrison (2011).

A “película” que nos ten montado o PP na Coruña