O Parque Ofimático, os peiraos interiores e os terreos do Finisterre-Solana a Pleno o día 11

O Parque Ofimático, os peiraos interiores e os terreos do Finisterre-Solana a Pleno o día 11

A Coruña, 4 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG ven rexistrar está mañá as preguntas para a súa resposta oral que realizará no vindeiro Pleno do día 11.

O Grupo Municipal do BNG preguntará no vindeiro Pleno sobre que xestións está facendo o Executivo local para a desafectación das vivendas do núcleo de Elviña afectadas polo Parque Ofimático

Deste xeito, o Bloque preguntará ao Goberno municipal sobre que xestións está realizando na actualidade para a desafectación das vivendas do núcleo de Elviña afectadas polo Parque Ofimático.

Imaxe dunha das concentracións das e dos residentes do Ofimático

As nacionalistas lembran que foron a única organización que votou en contra da comparecencia do Concello da Coruña no recurso que as veciñas e os veciños de Elviña presentaron contra a aprobación definitiva da Modificación Puntual do Plan Parcial do Sector 10 Parque Ofimático que se debateu en Comisión de Facenda e Administración Pública, e en coherencia co feito no Pleno que tivo lugar en decembro de 2014, no que o BNG votou en contra da modificación puntual do Plan do Ofimático por tratarse dun Plan que beneficiaba aos grandes promotores, e a Xestur, en detrimento da veciñanza de Elviña, e por conter, ao seu xuízo, algunhas ilegalidades.

Desde a celebración desa comisión, sinalan as nacionalistas, o Goberno municipal mantivo varias reunións coa veciñanza da zona, sempre con moi boa palabras e sempre garantindo a defensa dos intereses das veciñas e veciños, mais “todas esas boas palabras non se reflicten en feitos e a día de hoxe seguimos sen saber en que se concreta o traballo do Goberno local e non sabemos que se está facendo para realizar a desafectación das vivendas do núcleo de Elviña”, sinala Avia Veira.

As nacionalistas tamén trasladan preguntas para a súa resposta oral a respecto de como ten pensado adquirir o Goberno municipal os peiraos de Batería e Calvo Sotelo e que medidas ten pensado adoptar para evitar a operación especulativa de venda dos terreos onde se sitúan o Hotel Finisterre e a Solana

Vista dos peiraos interiores do porto da Coruña

Por outra banda, outra das preguntas que levará a Pleno o BNG está relacionada co anuncio público realizado polo Executivo local no que amosaba a súa intención de mercar os terreos dos peiraos interiores. O BNG lembra, tal como avanzaba a semana pasada, que, tal e como está o convenio, a compra dos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo supón que o Concello da Coruña financie pola porta de atrás a obra do Porto Exterior. E é que o convenio asinado en 2004 estabelece que a obra do Porto Exterior se financiaría en parte cos beneficios obtidos da venda dos peiraos interiores da cidade, de Batería e de Calvo Sotelo, polo que se é o Concello quen compra estes terreos estará pagando as obras do Porto Exterior, cousa que non é a súa competencia e si é do Estado español que debía ter financiado esta instalación portuaria en base aos orzamentos xerais do Estado, tal e como vén demandando o BNG e tal e como se ten feito noutras cidades como en Xixón.

Vista do Hotel Finisterre desde o Paseo do Parrote

Por último, as nacionalistas tamén realizarán unha pregunta para a súa resposta oral a respecto que medidas ten pensado adoptar para evitar a operación especulativa de venda dos terreos onde se sitúan o Hotel Finisterre e a Solana. Esta venda, ao xuízo do BNG e vergoñenta e inadmisíbel, e lembran que xa advertiran en outubro de 2014 do pelotazo urbanístico que supuxo a modificación na cualificación urbanística e o cambio de dotacional público a dotacional privado dos terreos onde se sitúan ambas instalacións no PXOM aprobado definitivamente polo Partido Popular.

É por iso que, toda vez que se confirmaron desgrazadamente as súas advertencias que adiantaba naquela altura que o obxectivo da modificación da cualificación foi planificar e facilitar para agora executar unha grande operación de venda dos terreos da cidade sen poxa pública e para resolver os graves problemas de financiamento da Autoridade Portuaria, requiren do Executivo local as medidas que ten pensado realizar, se as ten, para impedir o pelotazo urbanístico.

O Parque Ofimático, os peiraos interiores e os terreos do Finisterre-Solana a Pleno o día 11