O paro desbócase na Coruña diante da hipocrisía do PP

Manifestacion diante da oficina de emprego de Monelos
O paro desbócase na Coruña diante da hipocrisía do PP

O BNG sinala que os datos da EPA revelan que 2000 persoas foron ao desemprego no ano dos orzamentos que, segundo o Sr. Negreira, crearían 15.000 empregos.

Con estes datos, o Sr. Negreira non pode dicir que A Coruña resiste, porque as cifras seguen a ser negativas para a cidade

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) revelan que un total de 2000 persoas foron ao desemprego no primeiro trimestre de 2014, o ano dos orzamentos que, segundo o Goberno do Sr. Negreira no pleno para a súa aprobación, ían crear 15.000 postos de traballo. Con estes datos, o Sr. Negreira non pode dicir que A Coruña resiste, porque as cifras seguen a ser negativas para a cidade.

Manifestacion diante da oficina de emprego de Monelos

E é que as receitas do Partido Popular de apostar unicamente polo turismo e as obras faraónicas para revitalizar a economía da cidade non están a dar resultado pois 22 persoas ao día segundo a EPA van ao paro na nosa cidade coas dramáticas situacións persoais e familiares que iso provoca.

O BNG lembra, ademais, que a Concellaría de Emprego, Comercio e Turismo deixou sen executar o 40% do orzamento para programas de promoción do comercio e o 20% do orzamento para formación de persoas desempregadas.

O Bloque da Coruña insta o Goberno do Sr. Negreira a apostar polo desenvolvemento dos sectores produtivos da cidade, tal e como lle demandou no pleno do mes de marzo na moción, vetada polo Partido Popular, que o Grupo Municipal presentou en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada pola CIG, que propón cen medidas para a creación de emprego que teñen a ver con política industrial e sectores produtivos, política laboral, política de emprego nos servizos públicos, política fiscal, política financeira e política de inclusión laboral e social.

O paro desbócase na Coruña diante da hipocrisía do PP