Orzamentos xerais: 0€ para a ría do Burgo e estudos en mobilidade

Orzamentos xerais: 0€ para a ría do Burgo e estudos en mobilidade

A Coruña, 30 de setembro de 2014.- Máis un ano, máis do mesmo: 0 euros para a ría do Burgo e máis estudos de mobilidade para que sigamos incomunicados e sen movernos en tren pola área metropolitana, a pesar de seren investimentos necesarios para a creación de emprego, a dinamización da economía e a vertebración do territorio en chave comarcal e metropolitana. Os orzamentos do Estado, que vimos de coñecer na mañá de hoxe, volven esquecer a ría do Burgo e só dotan para a conexión ferroviaria ao Porto Exterior unha cantidade simbólica de 65.000 euros. Ademais as contas xerais evidencia a renuncia ao tren de proximidade adiando de novo o abandonado estudo para a súa implantación.

Ría do Burgo: igual que o ano pasado, 0 euros

Os orzamentos xerais do Partido Popular renuncian, máis un ano, a impulsar un dos sectores estratéxicos da nosa economía e a reducir o desemprego na nosa cidade e na comarca, tales como a ría do Burgo. Non se dota ningunha cantidade para a rexeneración da ría do Burgo, enganando, de novo, o partido do Sr. Negreira, ao colectivo de mariscadoras.

Conexión ferroviaria ao Porto Exterior: 65.000 euros simbólicos, en pleno proceso de finalización do período das alegacións ao trazado para executar o acceso e cando son os propios dirixentes do Partido Popular os que subliñan a súa importancia fundamental, mesmo anunciando a presentación de alegacións para beneficiar a grandes promotores e especuladoras urbanísticos, como é o caso dos propietarios de Vío

Por outra parte, as contas xerais do Estado volven abandonar a conexión ferroviaria ao Porto Exterior. Tan só asignan 65.000 euros para esta finalidade. Non hai que esquecer que se trata dunha partida que se proxectou no ano 2009 e que se prevía ter rematado en 2014 segundo os orzamentos de 2014. Isto pon de manifesto a nula importancia que lle dá o Partido Popular nestes orzamentos á conexión por tren con Langosteira. Chama a atención, sinalan as nacionalistas, que o Goberno español do partido político do Sr. Negreira tan só consigne a cantidade de 65.000 euros, cando xa se está en pleno proceso de finalización do período das alegacións ao trazado para executar o acceso ferroviario ao Porto Exterior. E chama moito máis a atención cando son os propios dirixentes do Partido Popular quen subliñan a importancia fundamental que ten esta infraestrutura, mesmo nalgúns casos anunciando a presentación de alegacións que só beneficiarán a polígonos propiedade de grandes promotores e especuladores urbanísticos, como é o caso de Jove e Collazo no Polígono de Vío.

Tren de proximidade: só 52.500 euros e para un estudo que leva desde o 2011 e que vai camiño de se converter nun tratado enciclopédico

A renuncia ao tren de proximidade evidénciase adiando, de novo, o abandonado estudo para a súa implantación, que se debía ter rematado en 2014 e que agora se prevé para 2015. Tan só consignan 52.500 euros para esta finalidade. O Partido Popular permite así que sigamos incomunicados, renunciando a ter unha rede ferroviaria que conecte os distintos puntos da comarca e que axude a dinamizar o territorio. A este paso, o estudo que se leva contemplando desde o ano 2011 vai camiño de converterse nun tratado enciclopédico.

Orzamentos xerais: 0€ para a ría do Burgo e estudos en mobilidade