Ordenanza ruídos: a inspección por parte de entidades privadas é ilegal

Ordenanza ruídos: a inspección por parte de entidades privadas é ilegal

A Coruña, 9 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que a privatización da actividade inspectora, de vixilancia e control tal e como se recolle no proxecto de ordenanza de protección contra a contaminación acústica da Coruña, aprobado na Xunta de Goberno Local extraordinaria deste martes, é ilegal no que ten a ver coa implicación do persoal de entidades privadas de control no procedemento administrativo sancionador, na medida en que non teñen a consideración legal de axentes da autoridade. Ademais, esta privatización da actividade inspectora, advertida polos medios de comunicación con razón, non aparece expresamente contemplada na Lei 37/2003, de 17 de decembro, do ruído, que só atribúe esta competencia, como axentes de autoridade, a funcionarios.

O BNG salienta que a ordenanza de protección contra a contaminación acústica non só permite que o persoal de entidades privadas de control poidan realizar labores de inspección, de vixilancia e control como axentes da autoridade tanto en aspectos de xestión como técnicos (artigo 59.2 da Ordenanza), senón que ademais contempla a súa implicación no que ten a ver co procedemento administrativo sancionador. Así o recolle a Ordenanza no seu artigo 60, sobre actas de inspección, boletíns de denuncia e informes técnicos complementarios, cando sinala no seu punto dous entre as formalidades exixidas a “sinatura do axente de policía municipal, técnico municipal e/ou técnico habilitado”. A función inspectora relacionada coa sancionadora só lle corresponde ás Administracións Públicas, levándose a cabo só por funcionarios aos que se lles recoñece a condición de autoridade, de modo que non debería estar participada por persoal de entidades privadas de control, na medida en que este persoal non ten a consideración legal de axente da autoridade.

Ademais, tal e como está redactada a Ordenanza en cuestión, a actividade inspectora, de vixilancia e control pode ser realizada polo persoal de entidades privadas de control sen ir acompañados de funcionarios, porque a propia Ordenanza non o exixe expresamente. Primeiro, porque o seu artigo 59.2 di que "para a realización destas funcións poderán contar coa colaboración de persoal de entidades de control debidamente autorizadas pola normativa estatal e autonómica e que se encontren acreditadas conforme á Norma ISO 17025, tanto en aspecto de xestión como técnicos". E segundo, porque o seu artigo 59.3 di que será persoal competente para realizar estas labores de inspección, entre outros, "os funcionarios técnicos do servizo municipal competente ou o persoal de entidades de control". Chama a atención que a Ordenanza non o exixa, desde o momento en que, nas inspeccións que se poidan realizar para comprobar as medicións, só os feitos constatados por funcionarios públicos aos que se lles recoñece a condición de autoridade e que se formalicen en documento público observando os requisitos legais son os que teñen validez e valor probatorio (segundo sinala o artigo 137.3 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común), que é algo do que carecerían os feitos constatados só por persoal de entidades privadas de control.

Por último, o Grupo Municipal do BNG quere salientar que esta privatización da actividade inspectora, advertida polos medios de comunicación con razón, non aparece expresamente contemplada na Lei 37/2003, de 17 de decembro, do ruído, que só atribúe esta competencia, como axentes de autoridade, a funcionarios. Concretamente, o seu artigo 27 (sobre "Inspección") di literalmente no seu apartado 1 que "os funcionarios que realicen labores de inspección en materia de contaminación acústica terán o carácter de axentes da autoridade, aos efectos previstos na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e poderán acceder a calquer lugar, instalación ou dependencia, de titularidade pública ou privada. No suposto de entradas domiciliarias se requirirá o previo consentimento do titular ou resolución judicial".

Ordenanza ruídos: a inspección por parte de entidades privadas é ilegal