Que oculta o Goberno municipal nas ordenanzas fiscais?

Que oculta o Goberno municipal nas ordenanzas fiscais?

A Coruña, 3 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG amosa a súa sorpresa e estrañeza pola convocatoria de xeito urxente e extraordinario da Xunta de Goberno local para mañá ás 10.00 h, con menos de 17 horas de anticipación (a convocatoria foi remitida por correo electrónico ás 17.00 h) para a aprobación das ordenanzas fiscais para 2016.

O BNG pregúntase que terá que ocultar o Goberno da Marea Atlántica para convocar de urxencia con dezasete horas de antelación unha Xunta de Goberno Local Extraordinaria para a aprobación das ordenanzas fiscais

“Este xeito de actuar para tratar un tema de tanta importancia e que ademais require do estudo das propostas que se trasladan, así como o acceso aos expedientes e outra información complementaria como calquera informe que se achegue xunto a orde do día, recórdannos prácticas de outros tempos pasados nos que tamén se lle dificultaba o acceso á información á oposición”, sinala Avia Veira. Isto lévanos, continúan as nacionalistas, a preguntármonos que tenta ocultar o Goberno Municipal con unha convocatoria con tanta premura e sen tempo para poder estudar debidamente toda a documentación que mañá será tratada na Xunta de Goberno.

 "Estas prácticas recórdannos a outros tempos pasados nos que tamén se lle dificultaba o acceso á información á oposición", sinala Avia Veira

“Non entendemos, por tanto, para que se deu voz aos grupos da oposición nas Xuntas de Goberno se non podemos preparalas como deberan”, conclúe Avia Veira

As nacionalistas advirten que se enteran, deste xeito, que o Goberno da Marea Atlántica rexeitou as súas propostas para as ordenanzas. “O Grupo Municipal do BNG preocupouse, desde o mesmo momento que o Goberno da Marea Atlántica puxo en común as súas propostas para as ordenanzas a través dun documento de traballo, por facer achegas que buscaban unhas ordenanzas fiscais que se axustasen aos principios de xustiza e equidade fiscal, ou sexa que responderan ao criterio de que pague máis quen máis ten e que polo tanto os impostos se paguen en función da capacidade económica de cadaquén. E preocupouse de lle trasladar todas elas ao propio Goberno municipal e as fixo públicas”, subliñan desde o BNG.

As nacionalistas sinalan que de pouco serve ter voz na Xunta de Goberno Local se se convocan con tan pouca antelación para temas tan importantes e aínda por riba se envían os expedientes incompletos

Por último, o Bloque sinala que a esta convocatoria chapuceira, súmaselle a reunión da Xunta de Portavoces, convocada tamén ao borde da mañá, ás 14.55 h, práctica que xa se está convertendo en habitual para calquera convocatoria, polo que “podemos concluír que non é casual e que responde a un intento de ralentizar deliberadamente o traballo da oposición e o acceso á información complementaria das convocatorias”.

Que oculta o Goberno municipal nas ordenanzas fiscais?