PATRIMONIO

Obras na contorna do Castro de Elviña... non foi xa suficientemente agredido?

Zona onde se están realizando as obras ao caron do Castro de Elviña
Zona onde se están realizando as obras ao caron do Castro de Elviña

Trasladaremos ao próximo Pleno a nosa preocupación pola realización dunhas obras na proximidade do Castro de Elviña e preguntaremos ao Goberno municipal se ten coñecemento da realización destas obras, quen está a realizalas e se se teñen presentado as correspondentes licencias para facelas

Preocúpanos moito que, doutra volta, e como sucedeu coa construción da Terceira Rolda, haxa un impacto irreparábel na contorna do Castro de Elviña, un BIC que debemos defender todas e todos. Asemade, a zona onde se están facendo estas obras é un hábitat natural de varias especies, con pequenos regatos que conflúen no Rego de Campos, afluente a súa vez do río Mesoiro, e existen varios pasos de servidume peonís que serían modificados, converténdose finalmente en estradas para vehículos

Obras na contorna do Castro de Elviña... non foi xa suficientemente agredido?

Vimos de presentar unha iniciativa (podes vela premendo aquí) para o próximo Pleno interesándonos por unha obras que se están realizando nas proximidades do Castro de Elviña.

Segundo puidemos constatar presencialmente, nas últimas semanas comezaron a realizarse obras de acondicionamento e cimentación a menos de 400 metros do Castro, entre a súa contorna de protección e a Terceira Rolda, na zona oesudoeste do propio Castro, ao carón do Terreo e o Pouporón.

Deste xeito, comprobamos que xa se teñen colocadas estruturas de barracón móbiles, se está empregando maquinaria pesada, con operarios realizando diversas construcións e mesmo acometendo infraestruturas aparentemente de saneamentos e traída.

Barracóns móbiles xa instalados nos terreos das obras

É por iso que queremos trasladar ao Goberno municipal a nosa preocupación por esta obra e preguntámoslle que dada a proximidade ao Castro de Elviña, se ten coñecemento da realización destas obras, se se teñen presentado as correspondente solicitudes de licenza para a súa realización, en que consisten e quen está a realizalas, e que medidas pensa tomar o Executivo local a respecto das mesmas.

Neste sentido, lembramos que o Castro de Elviña é un patrimonio inmaterial da Coruña e Galiza, catalogado no PXOM, declarado BIC Monumento Histórico-Artístico Estatal desde o ano 1962, que debe ser defendido por todas e todos, polo que tamén queremos saber que novas políticas ten pensado desenvolver durante este mandato o Executivo local a respecto da defensa, protección e recuperación dos elementos arqueolóxicos que contén.

Preocúpanos moito que doutra volta, e como sucedeu coa construción da Terceira Rolda, haxa un impacto irreparábel na contorna do Castro de Elviña, un BIC que debemos defender todas e todos. Asemade, a zona onde se están facendo estas obras é un hábitat natural de varias especies, con pequenos regatos que conflúen no Rego de Campos, afluente a súa vez do río Mesoiro, e existen varios pasos de servidume peonís que serían modificados, converténdose finalmente en estradas para vehículos.

Maquinaria pesada como retroescabadoras xa se incorporaron á obra

E é que na mesma iniciativa, trasladamos a inquedanza pola posibilidade da destrución do hábitat e o ecosistema da zona. Deste xeito pregúntanse se o Executivo local é coñecedor que na contorna onde se están realizando estas obras existe ese hábitat natural para moitas especies da zona (como píntegas, víboras, diversas aves e pequenos animais mamíferos etc), que xa se viron afectados polo impacto da construción da Terceira Rolda, asemade da existencia de cursos fluviais na zona de obras que conflúen nese rego de Campos, e que pensa facer ao respecto do impacto que puideran causar.

Por último tamén queremos que se nos aclare se o Executivo é consciente de que existen na zona pasos de servidume tradicionais que doutra volta volverán ser modificados como se fixo coa construción da Terceira Rolda, e moitos deles remóntanse a décadas e séculos atrás, e que conectaban a zona de Elviña con Vío, Pastoriza, Santa Icía e mesmo chegaban a comarca de Bergantiños.

A Coruña, 24 de marzo de 2017

Obras na contorna do Castro de Elviña... non foi xa suficientemente agredido?