O BNG PÍDELLE Á XUNTA QUE RETIRE A PROPOSTA DE CONVENIO SOBRE O NOVO HOSPITAL

Sobre o novo CHUAC: Feixoo non só foxe das súas responsabilidades, senón que lle pasa a factura ao Concello

O grupo municipal do BNG pediulle este martes á Xunta de Galiza que retire a proposta de convenio co Concello da Coruña para a construción dun novo hospital na cidade por o considerar “plenamente ilegal”.
Sobre o novo CHUAC: Feixoo non só foxe das súas responsabilidades, senón que lle pasa a factura ao Concello

Así o anunciaron en rolda de prensa Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita, e Avia Veira, responsábel de urbanismo do BNG no Concello.

Após a lectura dos informes técnicos que emitiron a Secretaría Xeral, a Intervención e a Asesoría Xurídica do Concello, o BNG conclúe que o convenio non é aceptábel nin xurídica nin politicamente porque non detalla as obrigas que contrae a Xunta –non di canto vai custar o hospital nin que diñeiro vai pór o Goberno galego sobre a mesa- e, en troca, despraza ao Concello tarefas que escapan do seu ámbito competencial, por exemplo a obtención do solo preciso para a nova infraestrutura.

“Estamos a falar dunha actuación supramunicipal. O hospital vai dar servizo a unha área sanitaria que supera con moito os limites deste municipio. Por tanto, as expropiacións quen as ten que financiar é a Xunta, non o Concello”, considera Avia Veira.

“O convenio non detalla as obrigas económicas que contrae a Xunta e carga á Facenda da Coruña coa factura das expropiacións cando estas deberían ser financiadas pola Administración galega ao estarmos perante unha actuación supramunicipal"

Alén diso, o convenio é abusivo “porque o que se lle exixe ao Concello [un investimento directo por volta de 22,2 millóns de euros] excede con moito a súa capacidade económica”. “Se isto nos obrigase a irmos á débeda poderíamos pór en risco a estabilidade financeira da institución”, engadiu.

O convenio contempla tamén exencións de taxas e do IBI para os centros sanitarios dependentes do Sergas na cidade e para o propio novo hospital. “Estaríamos a falar, por tanto, de moito máis de 22,2 millóns de euros de impacto para as arcas municipais”, salienta Avia Veira. “É tamén irregular do punto de vista legal, pois calquera tipo de exención fiscal ten que pasar polo Pleno do Concello. Non pode ser froito dun acto unilateral”, argúe.

Jorquera en RDP 2

Do punto de vista política, estaríamos perante o “modus operandi” típico de Feixoo. “Como acostuma facer, despraza as súas responsabilidades cara outras administracións. E desta volta non só despraza as súas responsabilidades –as competencias sanitarias son exclusivas da Xunta de Galiza-, senón tamén a factura”, di Veira.

O novo hospital sería, alén de máis, unha cortina de fume para tapar a desastrosa xestión sanitaria da Xunta de Galiza, caracterizada polos recortes e polas privatizacións. “Queren agachar o que son os problemas estruturais da sanidade no noso país, que se están a pór dramaticamente en evidencia coa pandemia. Faltan vacinas da gripe, a asistencia primaria é telefónica, téñense feito analíticas na rúa como en Novo Mesoiro, non se cobren baixas de médicas por enfermidade, hai unha política sistemática de derivación de doentes aos centros privados”, denuncia Avia Veira.

O proxecto tamén produciu oposición por parte da veciñanza que mora na contorna do CHUAC. “A afectación ten que ser a menor posíbel. E iso pasa por ter en conta as veciñas e os veciños, por dialogar con elas e con eles. Iso non o está a facer a Xunta”, alega a concelleira nacionalista.

Xoga tamén a Xunta a dar a impresión de que o hospital vai ser a solución para a crise sanitaria que vivimos. “Está claro que iso non vai ser así, porque un hospital non se constrúe en meses. O Goberno galego fala do novo CHUAC para non falar do que cómpre que faga aquí e agora: isto é, a contratación de máis rastrexadores, máis investigadores, máis persoal sanitario”, remarcou Francisco Jorquera.

 

 

 

 

 

 

Sobre o novo CHUAC: Feixoo non só foxe das súas responsabilidades, senón que lle pasa a factura ao Concello