BARRIOS

Sen novas do que se pretende facer coas festas deste ano nos barrios

Unha ateigada carpa durante as festas de 2017 no barrio de Novo Mesoiro
Unha ateigada carpa durante as festas de 2017 no barrio de Novo Mesoiro

Preguntamos ao Goberno Municipal sobre o retraso na convocatoria de axudas ás entidades veciñais para a organización das festas dos barrios

O 15 de marzo do ano pasado foi a data límite para a presentación dos proxectos das entidades, co agravante de que a resolución definitiva de aprobación de proxecto non foi publicada até principios de maio, o que obrigou a moitas das entidades a ter que improvisar e apurar o desenvolvemento das súas festas, minguando a capacidade de planificación, desenvolvemento e realización das mesmas

Sen novas do que se pretende facer coas festas deste ano nos barrios

Vimos de rexistrar esta mañá unha iniciativa (podes vela aquí) na que lle preguntamos ao Goberno local sobre o retraso na convocatoria de axudas ás entidades veciñais para a organización das festas dos barrios.

E é que desde a chegada deste Goberno municipal o apoio á organización e as axudas as entidades asociativas que viñan realizando as festas veciñais, patronais e de verán cada ano se rexeron pola improvisación e pola falla dunha planificación adecuada en tempo e en forma.

O ano pasado, o proxecto chamado “Facemos Comunidade” xa supuxo unha criba para algunha entidade que, por cuestión de tempo, ou por cuestións de non poder asumir anticipadamente os gastos económicos que supuñan, tiveron que renunciar á celebración das súas festas.

Así mesmo é unha falta de respecto a entidades que son xestionadas por persoas que só miran polo ben do seu barrio sen nada a cambio e empregando o seu tempo libre para a súa asociación veciñal. Xa o ano pasado a convocatoria deu problemas porque fixaba o 15 de marzo (data que se cumpre mañá) como data límite de presentación dos proxectos das entidades mais a resolución definitiva de aprobación de proxecto non foi publicada até principios de maio, o que obrigou a moitas das entidades a ter que improvisar e apurar o desenvolvemento das súas festas, minguando a capacidade de planificación, desenvolvemento e realización das mesmas.

Asemade, os argumentos empregados en anos anteriores como o de “non teren aprobados os orzamentos”, ou “querer facer festas participativas onde as entidades tiveran que entregar proxectos”, serviron como escusa ao Executivo para ir adiando unha proposta clara e concisa para lle achegar as entidades e, así, poder planificar con tempo as festas nos barrios. Mais este ano ningunha desas escusas serve: os orzamentos están aprobados desde principios de ano e a experiencia dos proxectos presentados o ano pasado servirían como referencia á entidades para poder elaborar unha proposta para este.

Preguntámonos por que este ano, a esta altura, nin existe un procedemento parecido posto en marcha, canto menos exposto publicamente, nin se ten iniciado contacto algún coas entidades que o ano pasado realizaron algunha das festas veciñais, patronais e de verán.

A Coruña, 14 de marzo de 2018.