NOVO MESOIRO

Novamente o PP impide ampliar tanto en persoal como en horario o Centro de Saúde de Novo Mesoiro

Xosé Luís Rivas Mini nun momento da súa intervención na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza
Xosé Luís Rivas Mini nun momento da súa intervención na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza

Pedimos no Parlamento unha nova praza de pediatría e matrona para o centro de saúde de Novo Mesoiro

O noso deputado Xosé Luís Rivas Mini criticou o veto do PP á demanda “xusta” dun barrio que ten a maior porcentaxe de poboación infantil da Coruña. “Xa nos gustaría que fose así no resto de Galiza”, indicou

Novamente o PP impide ampliar tanto en persoal como en horario o Centro de Saúde de Novo Mesoiro

O noso deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas reclamou na Comisión de Sanidade a dotación inmediata dunha nova praza de pediatría e outra de matrona no centro de saúde de Novo Mesoiro así como a apertura do servizo tamén en horario de tarde, tendo en conta que se trata do barrio con maior porcentaxe de poboación infantil da Coruña.

Neste sentido, o parlamentario tirou de ironía na súa intervención (parte dela podes escoitala premendo aquí) ao describir Novo Mesoiro: “Estoulles a falar dun barrio diminuto, pequeniño, que como non chama a atención nin fai barullo dabondo está lixeiramente desatendido, non foi proxectado, ninguén sabe del e ten unha demografía decadente”. Por contra, salientou “Novo Mesoiro é todo o contrario e moito máis, cun dinamismo demográfico que xa quixeramos para o resto de Galiza”.

Rivas salientou que en 2015, con 9.000 habitantes, Novo Mesoiro tiña 896  menores de catro anos, pero o centro de saúde só atende en horario de mañá e dispón de dous facultativos e tres enfermeiras para unha poboación de 12.000 persoas, 1.800 menores, xa que aos habitantes deste barrio se suman os colindantes Feáns, Mesoiro e a urbanización Breogán.

O noso deputado trasladou ao Parlamento a vella demanda de Novo Mesoiro que leva anos reclamando unha mellor dotación de persoal para o centro de saúde, e habilitar a planta superior e, de xeito inmediato, unha nova praza de pediatría e de matrona así como a apertura en horario vespertino.

“Demandan ter un trato igualitario, non creo que esta veciñanza se estea tirando ao monte pedindo moito, penso que a demanda é razoable e xusta, o mínimo que deben ter”, salientou Rivas, quen reivindicou o dereito dos veciños e veciñas a “sentir” o orgullo de pertencer a un barrio dentro do conxunto da cidade.

O deputado criticou o veto do PP a iniciativa do Bloque que trasladaba as demandas de Novo Mesoiro, e amosouse convencido de que o barrio “tomará moi boa nota da negativa do PP e do Goberno da Xunta”, concluíu.

Podes ver o debate íntegro da comisión premendo aquí.

Santiago de Compostela, 8 de Xuño 2017.

 

Noticias relacionadas: