PREGUNTAS ORAIS

As nosas preguntas orais de outubro: mobilidade, Rexistro Municipal e tributación

Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación
Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación

Preguntaremos no Pleno sobre a mobilidade e a valoración que realiza o Goberno municipal sobre as actividades desenvolvidas na Semana Europea

Tamén pediremos explicacións sobre a situación do Rexistro municipal e o colapso que sufre nas últimas semanas despois de se trasladar servizos desde o Forum

Por último queremos que o Goberno da Marea aclare que medidas ten pensado aplicar para acadar unha política tributaria progresiva e socialmente máis xusta

As nosas preguntas orais de outubro: mobilidade, Rexistro Municipal e tributación

A primeira das preguntas para a súa resposta durante a parte de control ao Executivo que formularemos ten que a ver coa recente celebración da Semana Europea da Mobilidade.

Xa criticamos duramente no seu momento os actos programados polo Goberno da Marea durante esa semana, denunciando a nula implementación na cidade de políticas nesta área durante estes dous anos de mandato e lembrándolles que, ente outras cuestións, nin se reordenou o mapa de rutas do autobús, nin se puxo en marcha o carril bus, nin se instalaron paradas intercambiador entre urbano/interurbano. Do mesmo xeito, tamén advertiamos que tampouco se fiscalizou neste período a concesión da Compañía de Tranvías, cuestión que se recollía no programa electoral co que se presentou á eleccións municipais a Marea Atlántica.

Mais ao contrario: declarouse a fin da concesión para a continuación concederlle unha prórroga e agora sabemos que o Goberno local ten pensado volver a concederlle a unha empresa privada a xestión do transporte colectivo de viaxeiras/os. 0 metros de carril bus, 0 metros de carril bici, 0 liñas de autobús renovadas, 0 prazas en aparcamentos disuasorios, os mesmos coches na Cidade Vella e a concesión á  Compañía de Tranvías prorrogada: ese é o balance en materia de mobilidade logo de 2 anos de Goberno municipal da Marea Atlántica.

En segundo termo, levaremos a debate o colapso que se ven producindo nas últimas semanas no Rexistro municipal nas dependencias de María Pita.

Denunciamos xa hai tres semanas que nos espazos de María Pita, onde está o Rexistro municipal, expídese e aténdense incidencias da tarxeta Millenium, o Padrón de habitantes, agora sen alternativas descentralizadas, as tramitacións de vodas e outros varios procedementos administrativos  o que dá lugar a que moita veciñanza acuda a estes espazos que se amosan moi reducidos.

A situación, que xa fora denunciada pola CIG a principios do mes de setembro, agudizouse desde o peche dos servizos do Padrón que se viñan realizando no Forum Metropolitano, e que foi trasladado sen explicación ningunha nas pasadas semanas. Tanto as persoas traballadoras, que teñen que realizar o seu traballo en situación de amoreamento, así como as persoas usuarias do servizo, que agardan pacientemente mesmo durante horas a ser atendidas, non teñen a culpa da nefasta xestión que o Goberno municipal está facendo dos servizos municipais, polo queremos que o Executivo aclare que medidas ten pensado tomar ao respecto.

En último lugar, preguntaremos que propostas ten pensado formular o Goberno da Marea Atlántica para implementar unha política tributaria progresiva e socialmente xusta.

Vai xa a metade do mandato e aínda non temos coñecemento de que o Goberno da Marea fixera unha proposta global para a modificación das ordenanzas fiscais para unha política tributaria progresiva e socialmente xusta en apoio ás familias e persoas máis necesitadas. Xa é tempo de que se aclare se esas medidas van ser propostas e para cando serán introducidas. Queremos abrir no Pleno o debate e que se fale destas medidas, se as ten pensadas, que se concreten e comezar a traballar na modificación das ordenanzas fiscais. Ou que se aclare se tamén foi unha das tantas promesas da Marea que non se vai cumprir.

A Coruña, 25 de setembro de 2017.