RIAZOR

Para nós o Estadio Municipal de Riazor seguirá sendo "Riazor"

Vista aérea do Estadio Municipal de Riazor
Vista aérea do Estadio Municipal de Riazor

Amosamos a nosa desconformidade a respecto da autorización dada polo Goberno municipal ao novo nome do Estadio Municipal de Riazor

Tras a aprobación hoxe da autorización ao Real Club Deportivo para o uso comercial da denominación “Estadio Abanca Riazor”, entendemos, independentemente de que só se permita este uso nos ámbitos futbolísticos no que participe o Dépor, que as instalacións son públicas polo que o nome debería permanecer inalterado

Para nós o Estadio Municipal de Riazor seguirá sendo "Riazor"

Vimos de amosar publicamente hoxe a mañá a nosa desconformidade a respecto da aprobación da autorización ao Real Club Deportivo, e para uso nos ámbitos futbolísticos no que participe, da denominación “Estadio Abanca Riazor” para as instalacións municipais de Riazor.

Entendemos que, ao ser o Estadio de Riazor de titularidade pública municipal, e que en virtude do convenio asinado no ano 2000, é cedido para as competicións que disputa o Dépor, ao se tratar dun patrimonio de todas as coruñesas e de todos os coruñeses, e independentemente de que ese nome só se aplique para o “ámbito futbolístico”, a nova denominación representa unha perda de identidade en beneficio dunha entidade privada sen unha compensación ao interese xeral da cidade da Coruña.

Somos conscientes de que a situación económica pola que atravesa o Real Club Deportivo fai que teña que buscar alternativas de financiamento. E os acordos aos que chegue con terceiros para solucionalos rexeranse polos termos que crea máis oportunos. Mais isto non pode ser unha escusa que xustifique empregar o convenio de colaboración asinado no seu día co Concello da Coruña, e polo cal se lle fai unha cesión dunha instalación pública, para que o Goberno municipal autorice a publicidade por intereses comerciais a unha terceira entidade privada, neste caso bancaria. Desde logo cremos que a única beneficiaria da operación é esa entidade, sen que exista ningunha contraprestación ao conxunto da veciñanza, ademais de supoñer unha simbólica perda patrimonial.

A Coruña, 14 de xullo de 2017.

Para nós o Estadio Municipal de Riazor seguirá sendo "Riazor"