FRANCISCO JORQUERA, ENTREVISTADO NAS PÁXINAS DE EL IDEAL GALLEGO

“Se non fose pola seriedade, rigor e esixencia do BNG esta cidade non tería orzamentos”

Francisco Jorquera entrevista El Ideal Gallego 19 de Xaneiro de 2020
A fotografía de Francisco Jorquera leva a asinatura de Patricia G. Fraga

Reproducimos a seguir a entrevista a Francisco Jorquera que El Ideal Gallego publicou o domingo 19 de xaneiro. É da autoría de L. Pazo.

“Se non fose pola seriedade, rigor e esixencia do BNG esta cidade non tería orzamentos”

A pesar de ser o voceiro municipal do BNG en María Pita, Francisco Jorquesa confesa que a política local non lle atraía demasiado “durante moito tempo”, idea que foi mudando co paso dos anos e o traballo de rúa ata o punto de resultarlle “un reto moi grato”.
 
Defensor do “serio e esixente” papel que ten o seu grupo no Concello, cita a John Lennon para referirse ao seu futuro: “A vida é todo iso que che vai pasando mentres ti fas outros plans”.

Como valora estes primeiros meses de mandato?

Creo que hai unha normalización da relación entre os grupos municipais. O PSOE fixo da necesidade virtude e, polo tanto, ten unha actitude dialogante que agradecemos e cremos que ese diálogo se está traducindo en acordos positivos para a cidade. Con toda a humildade, cremos que o BNG está achegando moito para facer posibles eses acordos. Que acontece? Creo que o Goberno ten unha debilidade obxectiva: cústalle cobrar impulso. Está moi volcado no que é a xestión diaria pero un proxecto transformador aínda non se acaba de albiscar. É certo que pasou moi pouco tempo pero cremos que é necesario máis impulso na acción política municipal. O BNG vai ser moi firme e esixente e ao mesmo tempo vai combinar ese labor de fiscalización e control con propostas.

Que tal se atopa no mundo municipal despois de ter pasado por diferentes administracións como o Congreso ou o Senado?

Sinceramente, moi a gusto. Vou dicir unha verdade políticamente incorrecta: durante moito tempo a política local non me atraía ata o punto de que nunca pensei que acabase sendo voceiro municipal do BNG na Coruña. Foi cambiando a miña perspectiva xa antes de ser escollido candidato, cando empecei a colaborar con Avia [Veira] e coa organización na preparación das eleccións municipais. E ese cambio de perspectiva consolidouse durante a campaña e agora durante a miña experiencia como concelleiro. É unha política moi cercana, a pé de obra, e iso está moi ben porque moitas veces o debate político peca de moita abstracción. E, aínda que está mal que eu o diga, no persoal tamén gañei porque aínda que procuro sempre tomar moi en serio as responsabilidades que se me asignan, gústame poder traballar na miña cidade. É un reto e estame resultando moi grato.

O Executivo local ten unha debilidade obxectiva: cústalle cobrar impulso. Está moi volcado no que é a xestión diaria pero aínda non se albisca un proxecto transformador

 

A pesar de que leva pouco tempo como concelleiro, que cambios ve con respecto aos anteriores catro anos de goberno?

No anterior mandato estiven como espectador, por tanto non teño un coñecemento tan directo como teño agora. Creo que houbo un déficit de diálogo, pero non vou establecer culpabilidades porque penso que non achegan nada. O BNG tivo a mesma actitude que está tendo neste por moito que cambiase a cor política, unha actitude construtiva de disposición a colaborar, de poder chegar a un entendemento sempre con propostas sobre a mesa e por suposto o exercicio da crítica naquelas cuestións nas que diferíamos.

Unha das sorpresas destes meses foi a dimisión da voceira do PP, Beatriz Mato. Vostede estará en María Pita ata 2023?

En política, e na vida, dicir o que pode pasar mañá sempre é moi arriscado. Dicía John Lennon, aínda que creo que se facía eco da frase doutra persoa, que “a vida é todo iso que che vai pasando mentres ti fas outros plans”. Polo tanto, dicir que pode pasar de aquí ao 2023 ten todos eses riscos, pero eu creo que entre os meus defectos nunca estivo o de non ser responsable. Cando asumín a encomenda que me fixeron os compañeiros e compañeiras do BNG da Coruña, o fixen coa vontade de responder a esa encomenda durante un mandato. O que pase despois del, o tempo o dirá.

Unha das realidades municipais é que A Coruña está ás portas de ter os seus orzamentos. Sentíronse “convidados de pedra”, termo ao que se referiron no pleno da aprobación inicial?

Non, creo que non fomos en absoluto convidados de pedra. Tivemos unha participación moi activa en facer posible uns bos orzamentos, que apostan decididamente polo investimento, polas políticas sociais. O que acontece é que o BNG sempre tivo un xeito de facer política onde lle concede moito máis valor a conseguir conquistas positivas para os cidadáns que a pelexar por saír nunha foto. O que fixemos foi unha negociación moi seria e esixente pero ao mesmo tempo, moi discreta. Estou completamente convencido de que se non fose pola seriedade, polo rigor e ao mesmo tempo pola esixencia que caracterizou e está caracterizando ao BNG, esta cidade non tería orzamentos. Creo que a posición polítca do BNG acabou condicionando os demais actores.

Sempre tivemos un xeito de facer política onde lle concedemos moito máis valor a conseguir conquistas para os cidadáns que a pelexar por saír nunha foto

Mirando xa para o futuro, cambiaría algo das negociación nas contas?

En canto ao contido, estamos satisfeitos pero se o BNG fose a forza que liderase o Concello, nalgúns aspectos os orzamentos serían distintos. Cremos que hai que facer unha aposta máis decidida pola transformación urbana da Coruña e no ámbito cultural. En canto á negociación, hai que empezala antes e creo que tamén hai que coidar un pouco a escenificación que se fai desa negociación. Se as forzas que nos comprometemos a intentar sacar uns orzamentos adiante asumimos o compromiso de negociar con rigor e discreción e ser transparentes á hora de rendir contas ante a sociedade, todas temos que cumprir.

En que se materializará que o BNG volva ter presenza no Congreso?

Moitos dos acordos aos que chegou o BNG co PSOE para facer posible o noso voto favorable á investidura de Pedro Sánchez teñen unha repercusión enorme na comarca. Hai un compromiso de acometer o acceso ferroviario aos portos exteriores, que haxa un compromiso por modernizar a liña férrea entre A Coruña e Lugo e Ferrol, que haxa un compromiso para, dunha vez por todas, acometer a rexeneración integral da ría do Burgo, que haxa un compromiso por sacar adiante o estatuto das industrias electrointensivas e o compromiso de transferir a AP9 acompañado dun sistema de bonificacións.

O BNG leva 20 anos perdendo votos nas eleccións autonómicas. Como se revirte esta situación?

Eu creo que xa está revertíndose. Nas dúas últimas eleccións xerais medrou, nas europeas o fixo dunha maneira moi significativa e tamén nas municipais, onde recuperamos en Galiza o posto de terceira forza política. Creo que hoxe en día ninguén discute que o BNG vai ser a forza chave para facer posible a derrota do PP e abrir un tempo novo. Creo que esa etapa de declive, afortunadamente, está superada.

Imos esixir que o feito de que exista agora un Goberno no Estado da mesma cor do Goberno que hai no Concello non signifique unha actitude de pasividade

É xa unha costume que o pleno aprobe as súas mocións, a pesar das distintas cores políticas.

Que as iniciativas do BNG teñan este apoio creo que demostra que somos rigorosos no traballo e que temos capacidade de interlocución, algo que en política tamén é moi importante. Nese sentido, sentímonos satisfeitos.

Como consideran que van os tempos fixados para os acordos de mandato asinados en xuño co PSOE?

Vemos boa disposición por parte do PSOE para cumprir eses acordos pero gustaríanos que nalgúns aspectos se avanzase a maior ritmo, con más impulso. Hai temas nos que imos ser particularmente vixiantes xa que, por exemplo, hai un compromiso claro en resolver a situación que existe co persoal das bibliotecas, recuperar a xestión das que están concesionadas e atender as necesidades laborais deses traballadores. Tamén urxiremos que se resolva a situación dos afectados no seu momento pola construción do parque Ofimático e, nese acordo, tamén se establecen os compromisos que hai que manter como cidade a respecto doutras administracións para esixir que cumpran os seus deberes. Imos esixir que o feito de que exista agora un Goberno no Estado da mesma cor política do Goberno que hai no Concello non signifique unha actitude de pasividade. Queremos que manteña o mesmo grao de esixencia que se ten que manter ante calquera institución sexa da cor política que sexa.

“Se non fose pola seriedade, rigor e esixencia do BNG esta cidade non tería orzamentos”